Marea de Vigo considera que o contido do anteproxecto da Lei de vivenda sería unha oportunidade a nivel municipal para declarar Vigo zona tensionada e ter un Parque Municipal de Vivenda

Imagen aérea de Vigo.

Para a Marea de Vigo, é “unha obviedade” que este anteproxecto “non responde a  moitas das demandas sociais expresadas para paliar as evidentes dificultades para o acceso a unha vivenda digna e sen prezos abusivos no conxunto do estado” afirma Rubén Pérez; mais, de igual modo, “esta introduce certos aspectos no ámbito das políticas municipais de vivenda que poden resultar novedosos e útiles para establecer limitacións á escalada de prezos así como sobre a creación de parques municipais de vivenda”.

Segundo a Marea de Vigo, “a realidade é que Vigo tería que ser considerada de xeito inmediato ‘zona tensionada’ pola evidencia de que a renta do alugueiro supera con creces o 30% dos ingresos medios dos fogares vigueses” e, segundo sinala Rubén Pérez, “nos últimos 5 anos ten subido o prezo dos mesmos cinco puntos por enriba do IPC”. Nas cidades declaradas como zona tensionada poderán regularse os prezos máximos dos alugueiros ofertados por persoas xurídicas (empresas e institucións) propietarias de máis de 10 inmobles (no caso de Vigo máis de 124 entidades) e ao resto dos propietarios se limitan as subas ao 10% sobre a última renta do contrato anterior “evitando unha parte das barbaridades de aumento dos alugueiros vividos nesta cidade nos últimos anos especialmente as zonas onde a presión turística dos apartamentos vacacionais se fixo patente” engade o voceiro.

Especialmente importante, a xuízo de Rubén Pérez, é o feito de que a norma permitirá o recargo da cuota do IBI nun 150% naquelas vivendas baleiras durante máis de dous anos e que teñen un propietario ou propietaria que posúa máis de 4 vivendas. “Este feito na nosa cidade non é menor, xa que existen máis de 3.302 propietarios físicos e 378 propietarios xurídicos segundo os dato de información catastral do Concello a mes de outubro de 2021 que cumpren este requisito”.

De igual xeito, a norma obriga a que a metade do 30% de vivendas con algún tipo de protección sexa destinado a un parque público de alugueiro social, reivindicación histórica da Marea de Vigo e de diversos colectivos sociais da cidade e que, “na nosa cidade, substánciase en que esas case 4.000 vivendas que o Concello proxecta en ámbitos coma o do Ofimático ou Santa Cristina, unha parte substancial non sairía ao mercado de venda e sería titularizado polo Concello para configurar un parque público de vivenda en alugueiro”.