O voceiro Rubén Pérez advirte de que “calquera medida que non quite e Audasa da xestión da infraestrutura, é un parche”
O Grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe unha rolda de prensa para valorar o debate sobre a transferencia da AP-9, que hoxe se aproba no Congreso e que a formación agarda que signifique o «inicio da nacionalización da autoestrada».
O voceiro municipal, Rubén Pérez, cualificou o día como «histórico» e considerou que, deste xeito, «acábase por fin co bloqueo exercido polo Partido Popular dende o ano 2011».
Rubén Pérez apelou á relevancia da cidade de Vigo neste debate, convidando ao Goberno local a comprometerse coa reversión da AP-9 ao público. «Queremos que Vigo, como cidade especialmente agraviada, comece a reclamar dun «xeito vehemente» unha AP-9 100% pública e sen peaxes en ningún tramo. Esperamos ademais que no vindeiro debate plenario do Concello se pida a nacionalización».
No pasado Pleno, Marea de Vigo lembra que presentou emendas a unha moción do BNG que ían encamiñadas, tanto a non aceptar a solicitude de ampliación concesional por parte de Audasa máis aló do 2048 solicitada xa formalmente pola concesionaria polo impacto da Covid-19, como a proceder de inmediato ao proceso de nacionalización da AP-9, así como á súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, debate que se está dando agora mesmo no Congreso dos Deputados .
«Sabemos que Audasa vai pretender ampliar esa concesión ou cobrar unha indemnización pola merma de viaxes durante a situación Covid, non deixando de facer negocio a costa de recursos públicos, por isto é fundamental comezar xa a dar o debate para recuperar a autoestrada para o público», matizou Rubén Pérez.