Marea de Vigo celebra que finalmente o Goberno local cumpra a lexislación sobre á tarificación da auga

O voceiro Rubén Pérez subliña que “o que estaba facendo o Concello ata o de agora era incumprir de maneira sistemática as recomendacións tanto do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa coma os criterios que marca a lexislación europea»

O Grupo municipal da Marea de Vigo valora de xeito positivo que o Goberno local cumpra a normativa europea da auga e o Plan hidrolóxico Galicia Costa, no que que se recomenda o consumo real para prevención en periodos de seca, “tal e como vimos demandando xa dende o inicio da anterior lexislatura”, apunta Ruben Pérez, voceiro do Grupo municipal. “O que lamentamos é que esta decisión sexa unicamente por cumprir a legalidade e non por vontade política, máis aínda cando está a piques de rematar a concesión con Aqualia”.

“O que non se entende –prosigue Pérez- é a motivación da celebración disto por parte do alcalde coma se fose un logro, cando o único que se vai facer é cumprir a lei, e a realidade é que o alcalde sempre se negou a abrir este debate en todas as ocasións nas que se demandou”.

En todas as ocasións que o Grupo municipal da Marea de Vigo demandou ao Goberno de Abel Caballero a tarificación por consumo real , “era o propio alcalde o que se negaba sistematicamente baseándose nun informe técnico encargado a unha consultoría privada que defendía que non había vantaxes na tarificación por consumo real. Vantaxes para a empresa concesionaria, evidentemente”, indica Rubén Pérez.

“O que estaba facendo o Concello de Vigo era incumprir de maneira sistemática as recomendacións tanto do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa como dos criterios que marca a lexislación europea. A estas alturas, non é concibible que un concello que se di progresista non pule por un consumo responsable, consciente e sostible da auga por parte da súa veciñanza; para o cal é imprescindible unha tarificación real” enfatiza Rubén Pérez.