Marea de Vigo aposta por usar os remanentes municipais para remodelar as pistas de atletismo de Balaídos

Rubén Pérez: “Non querer acometer a reforma urxente que requiren as instalacions, especialmente os vestiarios, e dicir que a responsabilidade é da Xunta, é mentir aos vigueses e viguesas”

O grupo municipal Marea de Vigo retomou hoxe polémica do actual estado das pistas de atletismo de Balaídos para solicitar que se empreguen os remanentes do Concello na remodelación destas instalacións deportivas. Infraestrutura, subliña o voceiro Rubén Pérez, cuxas condicións, incluso de salubridade -en alusión aos viestiarios-, tal e como denunciaron en reiteradas ocasións as e os deportistas, “deixan moito que desexar”.

Marea de Vigo insiste en que calquera modificación ou proxecto de renovación dun ben que sexa de titularidade municipal, “correspóndelle ao Concello levalo a cabo”. “Cousa diferente –engade Pérez- é se durante o desenvolvemento do proxecto este é quen de conseguir subvencións, sendo estes recursos a maiores, mais as pistas de atletismo de Balaídos son titularidade do Concello de Vigo, e os investimentos que se fixeron sempre foron actuacións financiadas polo mesmo”.

Marea de Vigo lembra que o Concello “ten recursos máis que suficientes para facelo”, en referencia á modificación orzamentaria que está a piques de aprobar para poder incorporar máis de 30 millóns de euros de remanente para todo tipo de proxectos, “algúns deles tan bizarros como a cobertura dun vagón de tranvía cun teito de metacrilato así como outras actuacións puramente ornamentais”, lamenta Rubén Pérez; mais non quere utilizar parte deses recursos para facer unha reforma ampla das instalacións “e dar cumprimento dese xeito ao compromiso expresado polo Alcalde, Abel Caballero, con respecto á execución dun proxecto de reparación xeral das instalacións que ascendería a 7,6 millóns de euros” engade.

O voceiro lembra ademais que “trátase dunha cuestión que puido ser resolta de chegar a acordos co RC Celta, empregando o canon que pagaría o Club polo uso do estadio, mais isto non foi posible por cuestións políticas e a infraestrutura segue deteriorándose”. Dende Marea de Vigo insisten en que “nada ten que ver unha suposta declaración de supramunicipalidade nin que hsza clubs de fora da cidade que empreguen as devanditas instalacións”, xa que a titularidade é única e exclusiva do Concello de Vigo e polo tanto é este o único responsable do mantemento das mesmas.

Marea de Vigo esixe que na modificación orzamentaria que irá moi pronto á Xunta de Goberno sexa incluída a remodelación das instalacións das pistas de atletismo de Balaídos.