O voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, visitou esta mañá ao Comité de Empresa do Grupo UB, contrata de limpeza na factoría Stellantis, cuxo persoal leva dez días acampado ás portas da fábrica de Balaídos ante a tentativa da empresa, auspiciada por Stellantis, de cambiar o convenio de aplicación, “ao que levan adscritos máis de 30 anos e que conta con dereito de subrogación, como é o Convenio de Limpeza, para metelos no Convenio de Transporte coa consecuente precarización das súas condicións laborais” afirmou Rubén Pérez.
Marea de Vigo considera que esta situación “require dunha resposta activa por parte das administracións públicas aínda sendo a máxima responsable a empresa matriz que contrata os servizos, Stellantis”, empresa que, segundo Pérez, “leva anos fomentando dun xeito claro a precariedade non só nos seus empregos directos senón nas auxiliares e nas contratas que operan dentro da mesma”.
Marea de Vigo leva anos denunciando que Stellantis actua dun xeito “chantaxista” coa cidade e insiste en que “non se pode subvencionar con diñeiro público a unha empresa que precariza de xeito constante”. Marea de Vigo fai un chamamento ás administracións públicas para que non aporten “nin un duro público para a subestación eléctrica de moi alta tensión que están a mendigando agora se non se fai compromiso algún sobre melloras laborais” engadiu Pérez.
Pola súa banda, Alberto Blanco, presidente del comité del Grupo UB, recalcou a responsabilidade tanto de Xunta como de Concello como “administracións que dotan de subvencións a empresas como Stellantis, que promoven e practican a precariedade laboral”, suliñando que no seu caso, “se en 30 anos non mudou a actividade realizada polo persoal, o convenio tampouco debe mudar, e dende logo o que non pode a empresa é pretender irse a un convenio cuxas condicións son moito peores para o persoal”, tal e como pretende o Grupo UB.
O persoal leva acampado dende o día tres de outubro, no marco dunha folga indefinida, tras dez meses de constantes mobilizacións nos que non se obtivo resposta algunha por parte da empresa.
Igualmente, o Comité, ao que se suma a Marea de Vigo, denuncia a inacción de Inspección de Traballo, onde figuran máis de 40 denuncias “xa non soamente polo cambio de convenio senón por incumprimentos en materia laboral” engadiu Alberto Blanco, quen critica a actitude da Inspección “que semella que traballa para a patronal en lugar de para as e os traballadores”.

