Marea de Vigo apoia ao colectivo de extraballadores de Alfageme e pide que se garantice o cobro das indemnizacións pendentes

Rubén Pérez Correa, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, mantivo hoxe xuntanza co colectivo de traballadores e traballadoras da antiga fábrica de Conservas Bernardo Alfageme que levan anos pedindo que se lles abone por parte dos sucesivos propietarios dos terreos as indemnizacións adebedadas dende o seu despedimento e que suman un montante superior aos 6 millóns de euros

Marea de Vigo lembra que no ano 2010 o pleno aprobou o apoio da corporación local á demanda de mantemento do emprego que naquela altura sustanciábase na creación dunha nova planta coas plusvalías que xenarase a recualificación dos terreos da factoría en Bouzas. «Ao non cumprirse este acordo o lóxico sería que as plusvalías xeradas no solo de Vigo adicadas á construción da fustrada nova planta, pasen á propiedade e dereito dos traballadores actuais do cadro de persoal, toda vez que a cantidade cuantificada polo Concello de Vigo ascendían a 26 millóns de euros e que se recolleron no informe xurídico sobre as determinacións do PXOM para o ámbito A-3-21 Alfageme», recordan.

Marea de Vigo entende como lexítima a reivindicación do antigo cadro de persoal da conserveira e esixe ao Goberno local que poña os mecanismos necesarios para evitar que nos terreos da antiga Alfageme pase o mesmo que nos de Álvarez.

Rubén Pérez: “O Concello de Vigo ten que cumprir o acordo de Pleno no que se dicía que calquera operación urbanística feita sobre os terreos da antiga Alfageme tiña que facerse de xeito que coa operación se sexa liquidada a débeda cos traballadores e traballadoras”.

Marea de Vigo considera que o que acontece nos terreos de Alfageme é o mesmo que está acontecendo con moitos dos terreos de uso industrial da nosa cidade, “fábricas abandonadas de sectores que no seu día tiveron moita actividade económica cuxos terreos, baleirados durante moitos anos, acaban sendo reclasificados para outros usos que non son industriais” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, en referencia ao que semella vai acontecer nos terreos que ocupaba a antiga conserveira Alfageme, onde máis do 80% se quere converter en vivenda.

“O concello de Vigo ten que facer cumprir, en primeiro lugar, un acordo de Pleno no que se dicía que calquera operación urbanística feita sobre estes terreos tiña que ser sempre facendo valer as necesidades de xustiza e reparación do antigo persoal da empresa – afirma Pérez -; poñendo os mecanismos para que da operación que se faga nos terreos se liquide o que se debe aos traballadores e traballadoras”.