Marea de Vigo apoia a folga do persoal da concesionaria de limpeza de dependencias municipais anunciada para o vindeiro 18 de abril

Marea de Vigo traslada o seu apoio ao comité de empresa da concesionaria de limpeza de dependencias municipais, que veñen de anunciar a convocatoria de folga indefinida para o vindeiro 18 de abril, tralos sucesivos e reiterados incumprimentos de convenio por parte da empresa concesionaria, Urbaser

Rubén Pérez: “Trátase dun exemplo máis do descontrol e falta de tutela do Goberno de Abel Caballero sobre as concesionarias municipais”

O Comité de Empresa decidiu convocar á folga tralas sucesivas denuncias ante a empresa e ante o propio concello sobre os reiterados incumprimentos por parte de Urbaser. A non subida do IPC desde o ano 2019, ou as baixas sen cubrir son exemplos destes incumprimentos denunciados pola representación sindical do persoal. “No momento no que hai un incumprimento do convenio colectivo, significa que hai un incumprimento do contrato entre concesión e administración local e polo tanto unha falta que debería desenvocar na apertura dun expediente por parte do Concello á empresa como primeira acción a tomar” sinala Rubén Pérez.

Marea de Vigo fai responsible da situación, ademais da empresa, ao Concello de Vigo, xa que “é a administración a que licita estes contratos públicos e ten a obriga de velar polo correcto cumprimento do contrato e dos pregos – matiza o voceiro – , mais, coma sempre, e na liña do que fai co resto das concesionarias municipais, limítase a cualificar a situación como un conflito laboral entre empresa e persoal”.