Marea de Vigo anuncia a súa dimisión do padroado do MARCO, onde estaba representada pola concelleira Oriana Méndez

“Dende a Marea de Vigo expresamos a nosa rotunda reprobación ás declaracións do concelleiro de Cultura, Abel Losada, que, de xeito máis autoritario que democrático, despreza a lexítima disidencia, a lexítima crítica ás políticas culturais do Goberno local” afirma Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo

Marea de Vigo non lexitima a continuidade do Padroado da Fundación Marco coa súa composición actual e, polo tanto, Oriana Méndez, como concelleira da Marea de Vigo, dimite do citado organismo

Ante as recentes declaracións do edil de Cultura, o Grupo municipal da Marea de Vigo, que tiña unha persoa representante no Padroadodo MARCO, anuncia a súa saída do mesmo. Oriana Méndez, concelleira do Grupo que ostentaba o cargo ata o día de hoxe, sinala que “o concelleiro segue, nas súas declaracións, a tónica do Goberno local en canto nesta cidade un grupo de persoas, sexan ou non de grupos políticos, expresan opinións críticas”.  “En primeiro lugar – prosigue a concelleira – , o concelleiro deslexitima á cidadanía na súa capacidade de organizarse e de exercer crítica, é dicir, despreza a esencia mesma da democracia e, en segundo lugar, sinala cara a Santiago de Compostela no enésimo intento, xa ridículo, de vitimizar Vigo e engrandecer, ao mesmo tempo, as prácticas culturais do Goberno local”.

“Esta maneira insistente de non entender que a democracia inclúe a disidencia e que é tamén un deber dos gobernantes escoitar, atender e tomar nota das opinións críticas, é insostible – incide a concelleira – . Cando as críticas proceden dos grupos da oposición, neste concello non se escoitan e cando non proceden de grupos políticos, senón de cidadáns individuais ou organizados colectivamente, tampouco se escoitan”.

«Unha denuncia pública que sinala o declive do MARCO como múseo de arte contemporánea, a endogamia na súa programación e mesmo as prácticas clientelares na elección dos cargos, o concelleiro responsable, Abel Losada, pretende exercer unha desautorización destas críticas porque proveñen de cidadanía» que, en boca do mesmo Losada, “nin sequera se presenta ás eleccións”. “Pero á cidadanía – responde Oriana Méndez – que si nos presentamos ás eleccións e que humildemente temos dous concelleiros no Concello de Vigo tampouco se nos escoita. Desde 2017 vimos denunciando practicas efectivamente clientelares e non foron tampouco escoitadas nin obtivemos resposta nin vontade construtiva” engade.

Polo tanto, Marea de Vigo considera que esta resposta por parte do Goberno local á crítica necesaria nunha sociedade viva e democrática “é insostible”, e Oriana Méndez dimite como concelleira representante da Marea de Vigo no Padroado da Fundación MARCO. “Un Padroado que, de certo, dende o comezo debeu estar conformado non só por representantes políticos, senón por representantes do tecido cultural da nosa cidade” matiza a concelleira.

Do mesmo xeito, Oriana Méndez reproba as formas do concelleiro á hora de expresarse sobre a oposición. “Abel Losada está facendo aquilo do que acusa á oposición e á sociedade civil que ergue a voz, cando nos sinala como portavoces do pp de xeito ridículo: estas prácticas dan azos ao Partido Popular que xa anunciou hai tempo a súa idea de trasladar a Vigo unha delegación do Centro Galego de Arte Contemporánea, no Casco Vello. Cando iso anunciou o PP no Pleno do Concello de Vigo, nós defendimos que o que cumpría era fortalecer o MARCO como museo de arte contemporánea -non como feira de mostras- por parte de todas as administracións de goberno: Concello, Xunta e Goberno central”.

Marea de Vigo volve instar e urxir ao Goberno local a que respecte e escoite á cidadanía organizada que sinala a decadencia e o declive do MARCO, o clientelismo e os amiguismos nas prácticas culturais desta cidade na que, segundo relata Oriana Méndez, “non existe ningunha política de axuda directa a creadores e creadores, ningún recoñecemento Cidade de Vigo, por exemplo, con múltiples categorías que premien e dean pulo as distintas prácticas artísticas”. “Na cidade de Martín Códax, na cidade que sorprendeu a Xulio Verne, na cidade d’Os Resentidos e de multitude de artistas descoñecidos, creadoras e creadores que están latexando subterráneos dende hai demasiado tempo: non hai máis que amiguismos” lamenta a concelleira.