Marea de Vigo alerta sobre o abandono do patrimonio histórico e cultural de Vigo

Foto: Galicia Maxica

Asociacións e expertos pola defensa do patrimonio están sinalando a inminente perda do dólmen máis senlleiro de Vigo, o dólmen coñecido como Casa dos Mouros, situado na parroquia de Candeán

Marea de Vigo denuncia a falla de protección e o avance do desleixo co patrimonio histórico e cultural da cidade. “Vivimos unha renuncia ao coidado da nosa memoria para que, no seu lugar, fique a única pegada e legado do alcalde” sinala a concelleira. “E ese – prosigue – é un camiño que ten difícil retorno”.

O abandono, segundo Marea de Vigo, é “palpable”, non só no caso do dólmen Casa dous Mouros, vese tamén na ponte sobre o Lagares situada na Travesía da ponte romana, entre Balaídos e Portanet, “que leva anos con vallas de obra porque as varandas da propia ponte poden caer en calquera momento” engade Oriana Méndez. O mesmo acontece no Castro, onde hai varandas na parte alta que levan máis dun ano sen arranxarse e cun único letreiro en papel plastificado que reza «No apoyarse en la barandilla».

Sen esquecer a situación de todos os elementos patrimoniais retirados da vía pública que se acumulan no parque de Lavadores sen inventario nin catalogación, “amoreados sen control nin protección, moitos deles expostos ás inclemencias meteorolóxicas e aos posibles roubos” suliña Oriana Méndez. “No mesmo emprazamento onde apodrecen ducias de vehículos retirados de uso municipal, están abandonados elementos patrimoniais de alto valor histórico como é o caso da balconada de Jenaro de la Fuente que foi retirada da rúa Lepanto” conclúe.