A formación lamenta «a desidia do Concello» e subliña que «teñen que ser asociacións de defensa do patrimonio como ‘Vigo Baleiro’ as que inventarien e sinalen públicamente a desastrosa realidade de ducias de edificios, que terían que formar parte do rexistro»
Marea de Vigo alertou hoxe da existencia de máis de 500 inmobles baleiros e en situación de ruina no centro da cidade. Neste sentido, a formación afirma que é preciso reforzar o programa de edificación forzosa do Concello de Vigo, “programa que dende a súa aprobación o 11 de abril de 2019 so atesora 24 inmobles, dos que se consideran só prioritarios os tres de Praza da Igrexa no Casco Vello, que non revestían risco de derruba e que mesmo tiñan actividade comercial”.
Marea de Vigo lamenta «a desidia do Concello», e subliña que «teñen que ser asociacións de defensa do patrimonio como ‘Vigo Baleiro’ as que inventarien e sinalen públicamente a desastrosa realidade de ducias de edificios, que terían que formar parte do rexistro».
Dende Marea de Vigo pídese que tanto este programa como o das ARIS sexa prioritario en urbanismo, tamén fronte a edificación de novas vivendas xa que, segundo a concelleira Oriana Méndez, “abordar de xeito serio a erradicación de edificios en ruinas do centro urbano, sería unha intervención pública mesmo con prezo de vivenda regulado e controlado ante unha imparable escalada de prezos de alugueiros e vivenda nova”.
“O Concello semella pensar, na contra, que este programa só é un mecanismo para habilitar espazos singulares no casco histórico, cando o obxectivo prioritario do programa é consolidar a estrutura urbana existente nas zonas históricas e a expansión dos barrios tradicionais desta cidade, construíndo solares para completar a trama urbana nestas zonas e mellorar a súa imaxe” explica Oriana Méndez.
Marea de Vigo considera “ilustrativo” que na maioría dos casos trátase de edificios propiedade de promotoras e construtoras que, segundo engade a concelleira do Grupo, “deberían ter a obriga de edificar ou rehabilitar e en caso de non facelo, o concello debería expropiar o edificio como xa permite actuar a ordenanza”.

