Rubén Pérez: “Non vale de nada facer unha rolda de prensa anunciando grandes recursos económicos se logo estes non se executan. Anunciar a Bilioteca de Teis coma se algo novo cando xa capturaron recursos no ano 2020 e no 2021 para este tipo de actuacións é un exemplo desta praxe”
Marea de Vigo pídelle á Xunta e ao Concello que deixen de facer política electoral e se poñan a traballar en executar as actuacións prometidas aos vigueses e as viguesas
No día de onte, a Xunta de Galicia, a través da súa Delegada en Vigo, e o Concello, a través do Alcalde, fixeron as correspondentes presentacións das súas propostas orzamentarias para o vindeiro ano 2023, unha acción cualificada pola Marea de Vigo como un “alegato preelectoral” ante as vindeiras municipais e previsiblemente xerais que terán lugar no próximo ano.
En primeiro lugar, no caso do Concello de Vigo, O Grupo municipal da Marea de Vigo considera que o de onte “supón a enésima vez que o alcalde, utilizando todo tipo de adxectivos superlativos, define un proxecto orzamentario como o mellor e máis amplo”, algo “absolutamente certo” no tocante á cantidade orzamentada, xa que “aos 295 millóns de euros de orzamento súmase o remanente e o superávit, superando os 360 millóns, o que fai que este ano xa de partida o Concello de Vigo terá unha cantidade económica histórica- explica Rubén Pérez -, cousa diferente é que eses recursos sexan finalmente executados. Non vale de nada facer unha rolda de prensa anunciando grandes recursos económicos se logo estes non se executan”.
Ante o recoñecemento por parte do propio Goberno local nos marcos orzamentarios presentados no pasado Pleno sobre a falla de execución de máis de 100 millóns de euros do exercicio deste ano 2022, Marea de Vigo pídelle que execute eses recursos de xeito inmediato, “nun ano tan difícil como este non poden quedar máis de 100 millóns de euros sen executar, nin importantes partidas de emprego ou mesmo o capítulo 1, referente ao persoal” matiza Rubén Pérez.
De xeito análogo, a Xunta de Galicia expresou onte, a través da súa Delegada en Vigo, os investimentos para a cidade de Vigo contidos no proxecto orzamentario para o vindeiro ano 2023, “volvendo, sen ningún tipo de rubor, a trasladar actuacións que xa foron anunciadas no seu día por Corina Porro sendo esta Delegada da Xunta na cidade”. Exemplos disto son a construción do Centro Olimpia Valencia “ou o sempiterno anuncio sobre a construción de vivendas e dun instituto en Navia” engade Pérez.
Marea de Vigo pídelle á cidadanía que sexa crítica con este xeito de proceder por parte de ambas administracións e incide en que “non é tan relevante a cantidade que se pon nun orzamento como a execución real do mesmo”. Segundo o Grupo, o feito de non executar durante moitos anos para ter ao final da lexislatura unha cantidade económica “que permite facer anuncios e encher páxinas de especiais sobre o futuro da cidade dicindo que o ano 2023 se vai facer todo o que non se fixo nos anos anteriores é unha mentira, e pasou no ano 2015 e no ano 2019 co gallo das eleccións municipais” conclúe o voceiro local.

