Mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos outórganlle a un investigador da UVigo o Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial

Na súa tese Jesús Balado investigou a creación de mapas para calcular rutas seguras para viandantes

O postdoc do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas atópase realizando unha estadía na UT Delf

Jesús Balado, investigador postdoc do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo e gañador do Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial.

A opción de calcular rutas para viandantes que ofrecen aplicacións, como por exemplo Google Maps, xeran itinerarios que na práctica non son viables para o seu uso por parte dos peóns, ao estar baseadas principalmente en mapas de estradas, o que se  traduce, en que a ruta proposta transcorre por unha vía, que pode non ter beirarrúas aos lados ou cruzar por lugares que non son seguros. Non obstante, a partir do uso de nubes de puntos é posible clasificar os elementos do solo urbano: beirarrúas, escaleiras, ramplas, etc. e con esta información crear un mapa para calcular rutas reais e seguras para os viandantes, transitando por beirarrúas ou cruzando por pasos de peóns. Ademais coa información xeométrica da contorna, mesmo se pode comprobar se as zonas son accesibles e calcular rutas dependendo do perfil motriz das persoas, diferenciando traxectos para individuos con mobilidade reducida e os que non a teñen. 

Esta alternativa que permite, a partir de nubes de puntos, xerar mapas para calcular rutas reais e seguras para os viandantes, centra a tese de doutoramento Classification and modelling of urban environments from  point clouds for physical accessibili-ty diagnosis and pedestrian pathfinding, de Jesús Balado, investigador postdoc do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo e gaña-dor do Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial, dotado con 7000 euros. “Todo recoñecemento é moi ben recibido. Sempre e agradable ter bos comentarios do teu traballo, sobre todo por profesionais do mesmo ámbito e neste tipo de premios a nivel nacional, onde concorren outras teses de doutoramento con moi boa calida-de”, explica Balado, que recoñece, que cando lle chegou a notificación do premio foi unha alegría, pero tamén unha sorpresa. “Sinceramente, nin me lembraba que me presentara. Entre a miña actual estadía de investigación e a pandemia, moitas cousas quedaron relegadas a un segundo plano”, explica o investigador.

Nube de puntos con solo clasificado.

A Cátedra Abertis, promovida polo grupo internacional en xestión de infraestruturas para a mobilidade e as comunicacións, a súa fundación, a Universidade Politécnica de Catalunya e a Universidade Politécnica de Madrid, creou no ano 2016  o Premio Abertis de Seguridad Vial , dirixido a recoñecer estudos e traballos de investigación inéditos realizados por alumnado universitario que contribúan a mellorar a seguri-dade viaria, a mobilidade sostible, responsable e segura. “Cando rematei a tese bus-quei algún premio deste estilo para presentarme e este en concreto envioumo Mario Soilán, pero a verdade era un pouco reticente a presentar a tese na modalidade de seguridade viaria porque entendía que esa categoría era máis enfocada aos vehícu-los. Pero a miña titora, Lucía Díaz Vilariño, insistiu de foi boa idea”, explica Jesús Ba-lado. 

Un traballo centrado nas nubes de puntos

O investigador do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas atópase actualmente, cunha bolsa posdoutoral da Xunta, realizando unha estadía internacional na Universidade Técnica de Delf, nos Países Baixos, onde prosegue co seu traballo sobre as nubes de puntos. “Agora mesmo sigo investigando en nubes de puntos, non unha aplicación tan directa como a tese de doutoramento, senón o uso das nubes como modelos e no estudo e corrección das oclusións”, detalla Balado, que considera que afondando neste aspecto teórico poderán usarse as nubes de puntos para máis aplicacións no futuro.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí