Maneiro celebra 30 anos de traxectoria musical coa presentación en Vigo, este sábado 24, do álbum ‘Un bonito despertar’

O cantante e compositor dará a coñecer a partir das 22.30 horas na Sala Masterclub o seu cuarto disco en solitario

O cantante e compositor Javi Maneiro aterrará este sábado 24 en Vigo para presentar, na Sala Masterclub, o seu cuarto álbum en solitario, Un bonito despertar. O directo do músico, xa recuperado do accidente cerebrovascular que sufriu no 2022, comenzará ás 22.30 horas e as entradas xa están á venda desde 10€ a través de www.enterticket.es.

Maneiro, coñecido tamén por ser o vocalista de Heredeiros da Crus e Jabon Blue, visita este inverno os teatros e salas de concertos de Galicia presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras e que lanza para festexar os seus 30 anos de traxectoria musical. 
Logo do lanzamento de Un bonito despertar no mes de maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin levará o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia. A xira de presentación de Un bonito despertar chegará á sala Masterclub de Vigo o sábado 24 de febreiro, tras visitar Boiro, Ourense, A Coruña e Lugo. Ao día seguinte, o domingo 25, Maneiro desprazarase a Ferrol para actuar no Centro Torrente Ballester e, finalmente, a xira pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra
Sobre o escenario da sala Masterclub viguesa, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido
No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.