Máis de 930 empresas acudiron ao punto Smartpeme de Vigo nos últimos catro anos

A presidenta provincial na súa visita á sede Smartpeme de Vigo.

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, visita esta sede na cidade onde salienta que «somos a grande referencia en Galicia en asesoramento TICs»

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou hoxe que 933 empresas teñen recibido asesoramento no punto do servicio Smartpeme de Vigo durante os últimos catro anos.

Así mesmo, o plan de continxencia Covid fixéronse 202 asesoramentos a 123 empresas e, en canto a TurisTIC realizáronse 65 asesoramentos a 53 empresas. Todos estes datos foron enxalzados por Carmela Silva, que tamén sinalou que «hai comunidades tan importantes como Andalucía que queren vir coñecer Smartpeme, iso dá mostra da relevancia deste proxecto».

«A rede Smartpeme convértenos nunha grande referencia en TICs, non hai ningún servizo coma este en toda Galicia», incidiu, salientando que a iniciativa «dá grandes beneficios á sociedade» xa que «cada vez hai máis demanda e todos os negocios que foron asesorados melloran».

«Este programa dedícase a introducir todos os elementos TIC nas pequenas e medianas empresas e nas actividades que realizan autónomas e autónomos e tamén facilita que as ideas emprendedoras se convertan en proxectos económicos», continuou a presidenta da Deputación.

Ademais, Carmela Silva destacou que a sede de Vigo, ao igual que a de Pontevedra, está especializada no sector turístico. «Contamos cun asesoramento individual dedicado ao turismo, un sector potentísimo, ao que temos que axudar para que fagan unha transformación do presencial, do analóxico, da promoción pouco dixitalizada, a un novo modelo onde as novas tecnoloxías son o instrumento de decisión».

Durante a visita, a presidenta provincial informou que cada ano aumentan os servicios dentro de Smartpeme, «este ano temos dous servizos novos, un dedicado ao comercio e outro ao terceiro sector». En canto ao comercio, «xa estamos traballando no proxecto de aceleradoras, facendo un seguimento para que esas 10 empresas seleccionadas poidan acabar este proceso sendo moito máis potentes e tendo un proxecto moi ligado ás TICs», subliñou a presidenta.

No que ten que ver coa promoción da economía social, do terceiro sector, Carmela Silva destacou que cada día ten máis relevancia tanto a nivel social como económico. «Estamos a traballar para que ninguén quede atrás, o terceiro sector está a desenvolver proxectos moi potentes e queremos axudar para que dean ese salto cara á internacionalización e competitividade, creando máis negocios e polo tanto xerando máis emprego».