Máis de 20 entidades da contorna de Vigo e sur da provincia reciben preto de 55.000 € da Deputación para realizar actividades turísticas

Beneficiaranse entidades de Baiona, Mondariz-Balneario, Nigrán, Oia, Ponteareas, Mos, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui e Vigo. Mediante as axudas, entre outras cuestións, sufragarán eventos gastronómicos, deportivos, culturais e medioambientais

Máis de 20 entidades da comarca de Vigo e sur da provincia recibirán preto de 55.000 euros no marco das axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para a realización de actividades turísticas durante o ano 2023. As axudas, que foron aprobadas na última Xunta de Goberno da institución provincial, teñen por obxectivo colaborar na promoción do destino Rías Baixas e estimular a competitividade, a calidade, a accesibilidade e a sostibilidade do sector turístico.

Cos recursos da Deputación de Pontevedra sete entidades de Vigo recibirán recursos para impulsar actividades musicais, gastronómicas, culturais e deportivas. Entre elas a Asociación Brétema Cultura e Música Avanzada para o Festival Musical e Audiovisual, a Asociación Xuvenil Cultural Esbozos para o VII Interplanetario, a Federación Empresarios de Hostalería para o concurso de tapas de Vigo “Petisquiño”, a Fundación CEO Ciencia e Cultura para o impulso do turismo astronómico, a Fundación para a Pesca e o marisqueo para a Semana Vigo Pesqueiro, a Orquestra Clásica de Vigo para “Un camiño ben temperado” e o Real Club Náutico de Vigo para a XXIV Semana do Atlántico Cidade de Vigo.

Ademais, a Asociación Náutica Navega e o Monte Real Club de Yates, de Baiona, poderán financiar  actividades de biodiversidade e medioambiente e o Trofeo Conde de Gondomar respectivamente; a Fundación Mondariz Templo del Agua de Mondariz-Balneario o Museo Natural da Auga; a Asociación Vulcan Riders Spain, a Fundación Carlos Casares e Prado Surf Clube, de Nigrán, o Rally Internacional 2023 Vulcan Rider, as itinerancias de “Verbas vivas. Ruta literaria polo Val Miñor” e “Meu Camiño, teu camiño”.

Tamén reciben recursos da institución provincial o Centro de Veciños de San Miguel de Oia para o curro;  a Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas para a promoción da Festa do Corpus; a Fundación Pazo de Mos para parladoiros; a Asociación Deportiva e Cultural Galicia sen Límite de Redondela para “Aventuras na Ensenada. Coñecendo os segredos”; a Asociación Agrupación Musical do Rosal para O Rosal Camara Fest;  a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade de Tomiño para “Río Miño, marca inclusiva”; o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño de Tui para a visita adaptada e inclusiva para persoas con discapacidade á illa de San Simón. Este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 40 entidades do conxunto da provincia por valor de 100.000 euros, no marco dun novo impulso do goberno provincial para fortalecer o sector turístico da provincia.