Máis de 150 alumnos da ESO e de Educación Especial da provincia participarán este curso en “DepoEmprende”

O Pazo provincial acolleu o acto de entrega dos NIF a 11 cooperativas de 6 centros de Educación Secundaria e Especial da provincia co que arranca o programa de emprendemento da Deputación

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a máis de 150 alumnos de seis centros de Educación Secundaria e Especial da provincia nun acto no que presentaron as 11 cooperativas coas que participan nunha nova edición de “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na Escola”. Ademais de dar a coñecer o seu traballo, o alumnado recibiu o número de identificación fiscal (NIF) de man do deputado provincial Javier Tourís, quen foi o encargado tamén de darlles a benvida. Na súa intervención, Tourís subliñou a importancia que os mozos teñen para a Deputación, “porque somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis vós, a nosa xuventude, tendes que ser partícipes do noso proxecto”, e aproveitou a ocasión para lembrarlles que o vindeiro ano a institución contará cun servizo de Xuventude, “para organizar actividades dirixidas directamente a vós”.

O deputado explicou que “DepoEmprende” busca ser “unha ferramenta de apoio para os centros educativos que pretende espertar o interese e a curiosidade sobre o voso propio aprendizaxe, aumentando o voso desenvolvemento activo”. Neste eido, quixo agradecer o “traballo, dedicación e compromiso dos profesores, que vos están a ensinar o importante que é a cultura do esforzo para poder conseguir todo aquelo que queirades no futuro”.  

O IES Illa de San Simón de Redondela foi o primeiro en dar a coñecer as dúas cooperativas nas que está a traballar: “Project Illa” e “Eco13”. A continuación, o colexio Andersen Augalonga de Vigo explicou “Treboada”; os alumnos do CPI de Cova da Terraña de Baiona, deron a coñecer as cooperativas “CIGA”, “Colecuas”, “Famouz” e Laant”; os do IES As Barxas de Moaña revelaron que traballarán con “Renovatti”; o alumnado do CEEPR ACEESCA do Porriño presentou “O Mistral”, e os nenos do CEE Saladino Cortizo de Vigo presentaron as cooperativas “Os Cortizos” e “P.D.A.”.

O alumnado leva xa traballando nas cooperativas nas últimas semanas e nun proceso que incluíu a constitución, a creación da imaxe corporativa e o logotipo das cooperativas, así como a realización do estudo do mercado e o prototipo do produto. Agora, no que queda de curso, deberán buscar financiamento, deseñar o catálogo e os produtos, determinar os prezos e as canles de distribución, facer publicidade e márketing e preparalo para a venda nun mercado final que organizará tamén a Deputación de Pontevedra.

O obxectivo de “DepoEmprende na ESO”, dirixido ao alumnado de 4º de Educación Secundaria, e de “DepoEmprende na Escola”, do que hoxe presentaron as súas cooperativas os alumnos dos centros de Educación Especial despois de facelo onte os de Primaria, é promover competencias relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, tamén pretende eliminar as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, poñendo ao alumnado como o protagonista da súa aprendizaxe e fomentando o traballo desde a práctica así como a súa solidariedade, xa que as cooperativas participantes no programa farán entrega de parte dos seus beneficios a diferentes ONGs e asociacións.