Magosto “Salvamontes”: castañas e cultura en favor da auga e do monte ante o GS360

O próximo sábado, 11 de novembro, a Comunidade de Montes programa concertos, actividades infantís e castañada popular de balde polos “Salvamontes” na súa defensa da auga e do monte

Tameiga homenaxeará ás directivas anteriores polo seu 40º aniversario e recadará fondos para a Plataforma Auga é Vida, na protección da superficie forestal «ameazada polo proxecto GS360»

O Centro Social As Pedriñas, a Comunidade de Montes de Tameiga celebra o próximo sábado, 11 de novembro, o seu tradicional magosto, unha xornada de castañas, música e actividades infantís cun obxectivo solidario: recadar fondos para defender a auga e o monte, para «apoiar ás comunidades de augas e á Plataforma Auga é Vida ante o proxecto GS360 que promove o presidente do Celta, Carlos Mouriño».

A entidade veciñal programa unha xornada lúdica e familiar, para todos os públicos. Por suposto haberá prezos populares e castañas de balde, pero ademais, o centro social acollerá as actuacións de Os Ruidosos de Tangaraño, Zeltia Irevire, Monoulious Dop e A Duendeneta.

Ás 18 horas dará comezo o asado e reparto de castañas de balde entre o público asistente, amenizado co baile e a música tradicional galega de Os Ruidosos de Tangaraño. A continuación, ás 20 horas, a Comunidade de Montes de Tameiga aproveitará o seu popular magosto para celebrar o seu 40º aniversario e render unha sentida homenaxe ás directivas anteriores da entidade, os primeiros “Salvamontes”, «homes e mulleres que, ao longo de catro décadas, abriron camiño na actual senda de protección e posta en valor do monte comunal».

Ás 21 horas continuarán as actuacións musiciais. Zeltia Irevire presentará o seu primeiro e recén editado traballo, Vacaloura, un disco de folc con matices pop e electrónicos no que recollen seis anos de traxectoria comprometida coa terra. Pola súa banda, Monoulious Dop promete poñer ao público a bailar e gozar co seu concerto, un grupo con máis dunha década de traxectoria que lanzou o ano pasado “Disco Disko”, no que exploran, xunto ao seu habitual rock, os estilos disco, funkipop e electrónica. Por último, A Duendeneta estacionará en Tameiga e pechará a xornada cunha sesión picadiscos, enchendo o recinto de diversión e moita música.

O impacto do GS360

Varias entidades –entre as que se atopan a Comunidade de Montes de Tameiga, a Plataforma Auga é Vida e distintas asociacións ecoloxistas– traballan para «salvar ao monte da agresión que suporía levar adiante o Galicia Sports 360 que promove o presidente do Celta, Carlos Mouriño».

Así, tal e como afirman, «o desenvolvemento do GS360 (un proxecto duns 300.000 m2 de superficie total) conlevaría un impacto ambiental, patrimonial e ecolóxico irreversible, xa que se trata de solo cualificado como rústico de especial protección. E ademais afectaría directamente a máis de 4.000 veciños e veciñas de Mos, que se benefician da biomasa e especialmente da auga dos recursos acuíferos alí existentes».

Con este magosto “Salvamontes”, a Comunidade de Montes de Tameiga busca «non só recadar fondos para a Plataforma nunha xornada lúdica e familiar, senón tamén informar e sensibilizar á veciñanza das consecuencias negativas que tería a execución do GS360 para Mos e toda a área de Vigo».