O presidente provincial participou este sábado na tradicional xuntanza que organiza cada ano o colectivo AEDeza para premiar aos mellores proxectos e repasar a actualidade económica da comarca
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou este sábado o apoio do organismo que dirixe ao colectivo de empresarios do interior da provincia durante a súa participación na tradicional xuntanza de empresarios e empresarias que organiza cada ano a Asociación de Empresarios do Deza. “Este colectivo é o espello da fortaleza, tenacidade e resiliencia do tecido empresarial da comarca do Deza. As vosas empresas son o motor económico que fai avanzar esta comarca. Unha vocación que a Deputación comparte e na que ides atopar un socio estratéxico e leal”, afirmou o mandatario provincial.
Despois de agradecer a invitación e felicitar aos integrantes do colectivo polo traballo que realizan, Luis López repasou as medidas postas en marcha pola Deputación que redundarán no apoio ao tecido produtivo e empresarial da comarca e do conxunto da provincia. Neste sentido, recordou o presidente a aprobación do Orzamento máis alto da historia da entidade provincial (189,2 millóns de euros), o carácter municipalista das contas que surtirá un efecto directo na economía local, o Plan +Provincia para desenvolver proxectos nos concellos da provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruras Deportivas dotado con 4 millóns de euros, o Plan Provincia Comunitaria con 2 millóns de euros para apoiar o labor do tecido asociativo da provincia, o 1,2 millóns de euros para afrontar o reto demográfico, así como o amplo número de convenios asinados cos concellos da provincia ou o avance en materias como a dixitalización, a sustentabilidade ou a mellora dos espazos urbanos. Luis López compartiu un xantar con preto de 150 membros do colectivo AEDeza aos que lles amosou o compromiso inquebrantable de Deputación para “tender pontes” entre a Administración e o sector privado para facer “unha provincia máis competitiva e que vai a máis”.

