Luis López subliña o investimento de máis de 900.000 euros para a recuperación do espazo público da Avenida Constitución de Ponteareas

O presidente do goberno provincial recibiu no seu despacho do Pazo provincial á alcaldesa Nava Castro para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa PON2030

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 700.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade e recuperación de espazos públicos na Avenida da Constitución. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % do total (230.000 euros). A sinatura do protocolo tivo lugar este luns no Pazo provincial, durante o acto, Luis López puxo en valor o compromiso, compartido co do goberno provincial, da rexedora Nava Castro para transformar e modernizar os espazos urbanos da vila mellorando os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en máis de 925.000 euros, servirá para fomentar a mobilidade peonil e a mellora da calidade urbana da contorna da Avenida da Constitución e dos Xardíns da Xiralda. Un proxecto centrado nunha área de máis de 2.500 metros cadrados nos que se potenciarán os desprazamentos a pé ou en bici, a seguridade viaria e se porá en valor o patrimonio arquitectónico e etnográfico do espazo. Os traballos inclúen a implantación dunha plataforma única, limitar a circulación de vehículos a motor, a instalación de novo mobiliario urbano e a renovación dos servizos para a mellora da eficiencia enerxética e da xestión da auga. En definitiva, unha humanización integral para a transformación dun espazo dominado polos coches nunha área de esparexemento peonil que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos habitantes de Ponteareas.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Ponteareas realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido. Despois da sinatura do acordo, o presidente Luis López quixo felicitar á alcaldesa Nava Castro pola aposta por proxectos transformadores.