Luis López subliña a suba dun 10 % nas axudas a deportistas de alto nivel como mostra do respaldo da Deputación a grandes embaixadores da provincia

O presidente provincial enxalzou o labor do Club Atletismo Rías Baixas para fomentar o deporte de base e a capacidade de superación do campión nacional de lanzamento de xavelina na presentación desta nova competición que tivo lugar este xoves no CGTD

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este xoves na presentación dunha nova competición deportiva na que destacou o apoio que brinda o organismo provincial aos deportistas da provincia en forma de subvencións. O dirixente subliñou que as axudas para deportistas de alto nivel incrementáronse este ano nun 10 %, pasando desde os 250.000 ata os 275.000 euros. Ademais, ao ser ano olímpico, convocarase unha nova subvención para olímpicos e paralímpicos dotada con 125.000 euros. “Organizamos competicións deportivas de gran calado e tamén axudamos aos nosos deportistas de alto nivel”, remarcou o titular do goberno provincial.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Así mesmo, Luis López confirmou o apoio da Deputación á organización da primeira edición do Criterium Gustavo Dacal como unha nova mostra do compromiso do goberno provincial co fomento da actividade física, co apoio aos clubs e coa inclusión. Trátase dunha competición promovida polo Club Atletismo Rías Baixas que se celebrará o vindeiro sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. “O apoio da Deputación á primeira edición deste primeiro Criterium Gustavo Dacal non pode faltar, sería ir en contra dos nosos principios”, confirmou Luis López, quen reiterou a man tendida do seu goberno para cooperar co tecido deportivo da provincia en eventos deste tipo, que promoven o deporte entre persoas de todas as idades e fomentan a inclusión das persoas con discapacidade.

A competición, que se celebrará na queda de tarde, consistirá nun conxunto de probas de lanzamento adaptado para deportistas internacionais, aínda que tamén poderán participar atletas federados a partir de 16 anos de idade e atletas de deporte adaptado. Así mesmo, para menores de 14 anos haberá unha carreira curta. Os organizadores prevén a participación duns 300 atletas entre todas as diferentes disciplinas do programa de competición. Durante a presentación, Luis López destacou o traballo que se realiza no CGTD e tamén o labor do Club Atletismo Rías Baixas na promoción do deporte de base. Con todo, Luis López quixo facer unha mención especial a Gustavo Dacal, co que mantén unha estreita relación a raíz da súa enfermidade e traslado desde México a Galicia. “Agora todo o seu coñecemento e todo o que el supón o pon a disposición de toda a xuventude. É un exemplo, foino cando foi campións de España dez veces e o é agora por ese espírito de sacrificio que demostraches e pola visibilidade que das ao deporte que practicas”, agradeceu o presidente.