Luis López sitúa a Santa Clara como un futuro centro de referencia do sector cultural de Galicia no acto de entrega dos Premios da Cultura Galega do 2024

A capela de Santa Clara acolleu este ano a cerimonia de entrega dos galardóns máis importantes do eido cultural que entrega cada ano a Xunta de Galicia

“Este convento está chamado a ser un verdadeiro fervedoiro cultural, un escaparate único no que expor todo o potencial cultural e artístico de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu o convento de Santa Clara como o futuro centro de referencia da cultura galega durante a cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega, o galardón máis importante deste eido que concede cada ano a Xunta de Galicia e que este ano entregounos na capela do antigo cenobio pontevedrés. “Este convento está chamado a ser un verdadeiro fervedoiro cultural, un escaparate único no que expor todo o potencial cultural e artístico de Galicia e unha referencia da vangarda de todas as nosas disciplinas artísticas”, afirmou o mandatario provincial despois da entrega dos premios, na que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Os galardóns deste ano, repartidos en oito categorías, entregáronse a Yolanda Castaño (Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), Pistacatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Portocabo (Audiovisual), Ponte…nas Ondas! (Lingua), Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural) e os curso de verán Galego sen fronteiras (Proxección exterior). Ademais, o acto estivo conducido pola xornalista María Cheda e contou coa actuacións musicais de Caamaño&Ameixeiras e Katuxa Salom

Despois da concesión dos premios, Luis López tomou a palabra para felicitar os gañadores e remarcar a importancia que terá Santa Clara no ámbito cultural da provincia e de Galicia. “Santa Clara é tradición, a que recolledes vós para erguer unha provincia e unha Galicia máis orgullosa, diversa e distinguida; Santa Clara é Pontevedra e é Galicia, un tesouro que, se xa brilla agora, imaxinade como brillará no futuro que temos previsto para este conxunto; e Santa Clara é cultura: ambas son e serán caras dunha mesma moeda, posiblemente a máis valiosa e duradeira que poidamos ter como territorio”, afirmou o mandatario pontevedrés.

Neste sentido, o presidente salientou tamén a relevancia que terá a recuperación e apertura deste espazo para o conxunto da provincia e o tecido cultural galego. “Igual que a cultura é unha obra colectiva, tamén o está a ser a recuperación deste espazo. Un proxecto de colaboración institucional, de pericia técnica e de aposta orzamentaria postos ao servizo dun só obxectivo: que a Santa Clara que antes era sinónimo de clausura, sexa nun futuro concreto símbolo de apertura. Ese día está cada vez máis preto, as datas están fixadas e os primeiros pasos xa están dados”, sinalou Luis López. Finalmente, o mandatario provincial lembrou o compromiso da Deputación coa cultura. “Afirmámolo aquí, moi preto dun Museo que antes de celebrar o seu centenario albergará en 2024 mostras sobre Castelao e obras de Miró ou Picasso”, concluíu Luis López.