Luis López salienta a aposta estratéxica polo deporte na provincia coa etapa entre Ponteareas e Baiona de La Vuelta 2024

O presidente provincial destaca a importancia de formar parte destes eventos para a promoción do destino turístico, que permitirá ter presencia mediática nuns 190 países 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, aplaude a presencia da provincia de Pontevedra no percorrido da próxima edición de La Vuelta. O pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo volverá pasar polas estradas da provincia despois de tres anos de ausencia cunha etapa de 160 quilómetros entre Ponteareas e Baiona, na que os ciclistas escalarán catro portos de montaña, dous deles de primeira categoría como son o Alto da Fontiña e o Alto de Mougás.

Esta carreira foi retransmitida por televisión na edición do 2022 en 190 países, polo que supón unha útil ferramenta para a promoción turística do destino Rías Baixas. “É un espectáculo que reflicte a aposta do goberno da Deputación polo deporte e pola promoción do noso destino turístico a través dos eventos deportivos. Milleiros de persoas poderán contemplar en televisión a nosa riqueza paisaxística. En definitiva, o mundo verá que, co deporte, Pontevedra é desfrutar”, destacou o mandatario provincial.

Acompañado polos deputados e rexedores de Ponteareas e Baiona, Nava Castro e Jesús Vázquez Almuíña; o presidente da Deputación asistiu este martes en Madrid á presentación oficial do percorrido da edición do 2024 de La Vuelta. Unha cerimonia na que Luis López puido comprobar o interese que a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas seguen xerando como destino deportivo de primeiro nivel.

Coa inclusión da provincia no percorrido oficial de La Vuelta 2024, a Deputación demostra a súa aposta polo deporte e o turismo como áreas estratéxicas da acción de goberno. Ademais, a conxugación destes dous ámbitos permite dar un dobre impulso á dinamización da economía e a promoción do destino Rías Baixas. Por un lado, polo aumento do consumo que supón albergar a todas as persoas que se ocupan da loxística dunha proba deste tipo na provincia. E por outro lado, pola potencial captación de novos visitantes que descubrirán na televisión ou noutros medios de enorme cobertura mediática desta carreira un destino atractivo para visitar.

A celebración da etapa pontevedresa, que será a número 10 da carreira, está prevista para o vindeiro 27 de agosto. A proba caracterizarase pola coñecida esixencia da orografía da provincia con continuas subidas e baixadas,  que porán unha nota extra de emoción a unha etapa pensada para que os especialistas de montaña exhiban todo o seu potencial. A proba entre Ponteareas e Baiona será a primeira das catro etapas que discorrerán por Galicia, seguiranlle unha en Padrón, outra con saída desde Ourense a Manzaneda e, por último, outra desde Lugo ata os Ancares.