Luis López salienta a acollida de programas pioneiros como o +Xuventude como a demostración das ganas da mocidade por desenvolver o seu talento

O presidente Luis López, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado Javier Tourís participaron nas exposicións dos proxectos empresariais elaborados por estudantes de FP de sete centros da provincia

“Na Deputación xa o sabiamos, pero desta xornada saímos aínda máis convencidos de que a nosa xuventude ten todo o necesario para facer que a nosa provincia vaia a máis. O único que precisades agora é un pequeno empuxón”, sinalou o presidente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este martes os programas de apoio á mocidade que o goberno provincial ten en marcha, como as axudas do pioneiro plan +Xuventude, que pechou o prazo cun total de 27 solicitudes recibidas. Fíxoo durante o acto de entrega de premios aos proxectos gañadores do certame DepoEmprende na FP. A cerimonia levouse a cabo no salón de plenos do Pazo provincial e consistiu na exposición diante do xurado dos once proxectos elaborados por estudantes de sete centros correspondentes a cinco concellos. O presidente Luis López e o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, foron os encargados de entregar os tres galardóns que premian o mellor proxecto en Grao Medio e os dous mellores de Grao Superior. “Na Deputación xa o sabiamos, pero desta xornada saímos aínda máis convencidos de que a nosa xuventude ten todo o necesario para facer que a nosa provincia vaia a máis. Tedes ideas frescas e innovadoras; o coñecemento e a formación precisos; e a determinación para levalas a cabo. O único que precisades agora é un pequeno empuxón”, afirmou o mandatario provincial en referencia aos plans de apoio á xente nova da Deputación. 

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

De darlle a benvida aos participantes neste certame ocupouse a vicepresidenta Luisa Sánchez, responsable das áreas de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego do goberno provincial. “Grazas por participar neste programa a través do cal, desde a Deputación, queremos introducir no voso currículo académico coñecementos transversais que serán moi importantes para cando voedes na busca dun futuro mellor. Falo da cultura emprendedora para que poidades impulsar proxectos e saber vendelos”, aconsellou a vicepresidenta aos estudantes.

Despois da lectura da acta do xurado, comezou o acto de entrega de premios. Os primeiros en recibir o seu galardón foron os vencedores do mellor proxecto empresarial de Grao Medio. Os gañadores foron Rebeca María Domínguez, Myriam Aylen e Marta González do instituto IES Montecelo, en Pontevedra. O nome da súa iniciativa é “A ledicia das Mareas” e está enmarcada no ámbito do grao en Farmacia e Parafarmacia. A continuación. López e Sánchez entregaron o segundo premio da categoría de Grao Superior, que recaeu en David Costas do instituto IES A Guia, en Vigo, polo seu proxecto Amphora centrado no sector da Xestión de Vendas e Espazos Comerciais. O primeiro premio levouno a estudante de Grao Superior Ana Abeledo, polo seu traballo Chucurruchú. Esta alumna cursa os estudos de Deseño e Xestión da Produción Gráfica, no IES Montecelo de Pontevedra. O máximo recoñecemento nesta categoría outorga un premio de 700 euros, mentres que o segundo concede 500 euros. Por outra banda, en Grao Medio o único premio ascende a 700 euros.

A Deputación aposta pola mocidade

“Confío en que estes premios funcionen como axuda e motivación para lanzarvos a conquistar o mundo empresarial. Pero por senón son suficientes, quero que saibades que a Deputación cre en vós e aposta por vós”, asegurou Luis López antes de debullar os plans de apoio que o goberno provincial ten en marcha para apoiar á xuventude. Neste sentido, citou iniciativas como a creación dun servizo específico de Xuventude e Reto Demográfico dotado cun orzamento de 1,2 millóns de euros, a convocatoria da oitava edición dos Premios Provinciais á Xuventude cunha contía de 36.000 euros, a oferta de becas para estudantes de FP para facer prácticas laborais en países da Unión Europea ou a novidosa liña de axudas do +Xuventude dotada con 100.000 euros. Este último programa vén de pechar este venres o prazo de presentación de solicitudes. “Podo avanzarvos que recibimos 27 proxectos que optan a recibir estas axudas. Estamos verdadeiramente satisfeitos, porque amosa o talento mozo que temos”, confesou o presidente.

O mandatario provincial pechou o acto dando as grazas a todos e todas as participantes e animándoos a “seguir así” porque a xuventude da provincia é “a forza que precisamos para competir nun mundo globalizado, a xeración que necesitamos para superar o Reto Demográfico e coidar do noso patrimonio natural e cultural e a esperanza dunha provincia chea de oportunidades para desenvolver os vosos proxectos”, concluíu Luis López.