Luis López reforza a alianza da Deputación co sector da construción como motores económicos, de emprego e de transformación para a provincia

O presidente provincial participou este martes nun almorzo con representantes deste gremio para presentarlle o plan de investimentos do goberno provincial e recoñecer a importancia do sector para o avance da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este martes a importancia do sector da construción para a transformación e modernización da provincia nun almorzo cos representantes das empresas deste sector que tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios en Vigo. O mandatario provincial salientou tamén o peso deste gremio na economía de Pontevedra e a colaboración coa Deputación para executar os seus plans de investimento. “O noso lema é que tendemos pontes e o sector da construción é clave para tender pontes nos 61 concellos da provincia”, afirmou Luis López.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Acompañado polos deputados encargados de Infraestruturas e Asistencia aos Concellos, Isabel Couselo e Jesús Vázquez Almuíña, o presidente provincial prestou especial atención ao análise dos empresarios sobre a situación do sector e as súas necesidades e expectativas de futuro. “É importante que se nos escoite, pero máis importante é escoitar”, puntualizou Luis López antes do inicio dunha reunión no que tendeu a man da Deputación para cooperar co sector na execución de proxectos transformadores para a provincia.

Neste sentido, o dirixente da Deputación de Pontevedra repasou os plans de investimento que o goberno provincial ten en marcha para este ano e para cuxa execución o sector da construción xoga un papel fundamental. “En só sete meses a estabilidade política e o compromiso municipalista deste goberno provincial deu resultados tanxibles.  Amosamos ter un importante impulso investidor na provincia a través de plans e paquetes de gasto que chegaron e seguen chegando como unha chuvia miúda e constante a boa parte dos recunchos de Pontevedra”, sinalou López facendo referencia a programas como o PON2030, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o +Aqua ou o plan de Acción Comunitaria. Ao mesmo tempo recordou tamén que o servizo de Infraestruturas ten en comprometidos preto de 4 millóns de euros en obras, dos que 2,7 millóns están xa en execución.

Mención aparte mereceu o Plan +Provincia, o plan de obras e servizos da Deputación máis ambicioso da súa historia dotado con 48,2 millóns de euros e que por primeira vez ten en conta o reto demográfico para un reparto de fondos máis xusto. “Só nestes algo máis de tres meses, activamos xa 9,5 M€ deste plan +Provincia, coa conseguinte inxección de actividade que ten para o sector da construción”, subliñou o presidente.

Investimentos en Vigo

O mandatario provincial quixo tamén reiterar o compromiso da Deputación coa execución de proxectos beneficiosos e de interese para a cidade de Vigo. “O que é bo para esta cidade, é bo para a Deputación e para toda a provincia”, recoñeceu Luis López despois de recordar o mantemento dun convenio de colaboración específico de 5 millóns de euros, a vontade firme de manter a colaboración e lealdade co goberno local e a petición de facilidades para executar investimentos como o previsto para a Grada de Gol de Balaídos, o apoio á candidatura de Vigo para o Mundial do 2030 ou a colaboración para reabrir o Cine Fraga. “Pode haber máis proxectos, claro que si. As nosas portas están abertas para recibir as propostas do Concello”, confesou Luis López. “A construción é un motor económico, unha fonte de emprego e riqueza e un vector de transformación ambiental e territorial imprescindible para a provincia”, asegurou Luis López antes de agradecer a invitación do sector e reafirmar o compromiso da Deputación para contar co tecido empresarial para facer que a provincia vaia a máis.