Luis López reestrutura o goberno provincial e sitúa a Luisa Sánchez como vicepresidenta responsable das áreas de Deporte, Economía e Impulso ao Emprego

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comunicou este mércores a reestruturación do actual goberno da Deputación Provincial de Pontevedra no que a nova deputada Luisa Sánchez será designada vicepresidenta provincial con competencias en Deportes, Economía e Impulso ao Emprego, ademais de ser a deputada de referencia tanto en Vigo como na súa contorna. Sánchez tomou posesión da súa acta de deputada provincial nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá no Pazo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Eu sei que vou contar dentro do goberno cunha compañeira disposta, preparada e leal. Pero o máis importante é que todos saímos gañando. A Deputación vai contar cunha persoa dunha solvencia máis que acreditada, tras unha traxectoria de 25 anos nunha das empresas máis importantes da provincia e na xestión sanitaria. O deporte e a economía da provincia abrirán as súas portas a unha entusiasta de ambos eidos, como pronto nos demostrará. E Vigo gaña a unha persoa que non escatimará en cordialidade nin en rotundidade cando se trate de defender os intereses da cidade e da área máis importante de Galicia”, salientou Luis López para dar a benvida á nova deputada.

Con esta reestruturación, producida logo da saída do executivo de Marta Fernández-Tapias, o vicepresidente Rafa Domínguez pasará a ser vicepresidente primeiro con competencias en Museo de Pontevedra, convento de Santa Clara e –como novidade— Xacementos Arqueolóxicos. Pola súa banda, o deputado Jorge Cubela, encargado actualmente do departamento de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, asume tamén a área de Cultura. Finalmente, Javier Tourís incorpora a xestión da Estación Fitopatolóxica do Areeiro ao seu labor como responsable dos servizos de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos.

O mandatario provincial quixo tamén manifestar o seu agradecemento polo labor desenvolvido polo seu goberno ao longo destes primeiros sete meses de goberno. “Un tempo no que os deputados demostraron estar sobradamente á altura do seu cometido e no que logramos fitos salientables como o +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da historia; a recuperación das axudas ao tecido asociativo, un pulo importante ao deporte, o relanzamento de Santa Clara, o compromiso con Balaídos e a colaboración para reabrir o Cine Fraga ou as primeiras axudas da historia á xuventude”, recoñeceu o presidente do goberno da Deputación.

“O mellor goberno posible”

Os restantes membros do goberno provincial continuarán exercendo as atribucións que tiñan delegadas ata o de agora. Sandra Bastos mantense como deputada de Igualdade e Benestar Social; Roberto Carrero, de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais; Nava Castro, de Turismo; Isabel Couselo, de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación; Marcos Guisasola, de Medio Ambiente e Mar; María Ramallo, de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital; Alejandro Lorenzo, de Xestión Tributaria, Patrimonio e Formación; José López, de Cooperación Local e Emerxencias; e Jesús Vázquez Almuiña, de Asistencia aos Concellos, Transparencia e Administración Xeral.

“Con esta reestruturación damos un novo impulso a un goberno plural en perfís e en orixes; unido polo talento, a solvencia e a ambición por mellorar; e que achegará a experiencia e renovación que precisamos para conquistar novas metas. Temos por diante aínda moito por facer, moito por resolver e moito por proxectar; pero farémolo coa seguridade de contar co mellor goberno posible”, concluíu o presidente Luis López.