Luis López recalca o compromiso da Deputación para que o estadio de Balaídos sexa sede do Mundial 2030: “Faremos todo o posible”

A Xunta de Goberno comprometeu este venres o máximo apoio á candidatura de Balaídos así como a colaboración para que o estadio vigués cumpra os requisitos da FIFA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo público este venres o compromiso do organismo provincial para conseguir que o estadio de Balaídos sexa unha das sedes do mundial de fútbol do ano 2030 que organizan de forma conxunta España, Portugal e Marrocos. O mandatario provincial afirmou que a Deputación adquire o compromiso, no marco das súas competencias e dispoñibilidade orzamentaria, para facer “todo o posible” para que o estadio de Vigo acolla partidos dun dos eventos deportivos globais máis importantes. “Queremos que o mundial 2030 se celebre na provincia e queremos que Balaídos sexa unha das sedes”, insistiu Luis López.

ZFV

Un acordo que quedou selado por escrito na Xunta de Goberno celebrada este mesmo venres no Pazo provincial, no que o executivo que dirixe Luis López manifesta “o seu interese en poder albergar partidos da Copa do Mundo de 2030 na provincia e declara o seu compromiso institucional coa candidatura da sede do Mundial 2030 e o seu apoio a elas”, así como a intención da Deputación para “cumprir con todos os requisitos, no marco das súas competencias e das súas dispoñibilidades orzamentarias, que se concreten no seu momento pola FIFA, e colaborará co Comité Organizador da Copa do Mundo para o seu desenvolvemento”.

Neste sentido, a Deputación de Pontevedra tende a man a todas as administracións implicadas na candidatura de Balaídos a sede do mundial para colaborar en todas as accións que sexan necesarias para que o estadio da cidade olívica cumpra os requisitos esixidos pola FIFA, o máximo organismo do fútbol mundial, para acoller partidos deste campionato de seleccións masculinas.

Unha decisión que xa quedou clara o pasado mércores cando a Deputación participou nunha reunión de traballo con representantes da Real Federación Española de Fútbol, da Federación Galega de Fútbol do Real Club Celta de Vigo, da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo para traballar na candidatura de Balaídos. “O deporte é unha área estratéxica para este goberno. A través do fomento do deporte non só melloramos a saúde da nosa poboación senón que dinamizamos a actividade económica e seguimos a consolidar a provincia como potencia turística”, argumentou Luis López as razóns polas que a Deputación apoia a candidatura de Balaídos. “Na Deputación queremos que o mundial se xogue na nosa provincia e imos traballar e cooperar para conseguilo”, rematou.