Luis López presenta no Parlamento un Orzamento récord da Deputación con un de cada tres euros a apoio directo aos concellos

“Non vir aquí sería algo máis que faltar ao respecto a esta Cámara, sería fallar ao traballo de moitas persoas. Ausentarse non é defender a autonomía local”, asegura

Despois de sete anos de ausencia, a Deputación de Pontevedra volve estar presente no Parlamento de Galicia para presentar os Orzamentos do próximo ano. O presidente Luis López compareceu este venres na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos para detallar unhas contas que “significan máis municipalismo, máis transformación deportiva, turística, cultural ou comunitaria; máis autonomía local e, en definitiva, máis provincia”. Na súa intervención, o mandatario provincial recalcou que un de cada tres euros dos 189,2 millóns que compoñen este Orzamento “van destinados a apoio directo aos concellos”.

O máximo responsable da Deputación de Pontevedra amosouse “moi honrado” por comparecer no Parlamento por primeira vez e achegou un amplo número de razóns para xustificar a súa intervención. Unha asistencia que se debe, en primeiro lugar, a “expoñer as liñas mestras dos Orzamentos, os primeiros que levarán o selo do goberno que encabezo”. Tamén por dar “cumprimento a unha obriga que se lle presupón a calquera gobernante democrático: render contas”, puntualizou o dirixente. Ademais, “fágoo porque creo no diálogo, no intercambio cordial de ideas e nun escenario onde as institucións están condenadas a entenderse antes que a enfrontarse. Respondo a esta chamada porque hai un traballo, un proxecto, e unhas contas solventes que merecen a pena ser expostas co maior convencemento”, remarcou Luis López.

Pola contra, tamén quixo referirse ás consecuencias que supón a ausencia do representante da Deputación no Parlamento de Galicia como viña ocorrendo co goberno anterior durante os sete últimos exercicios. “Non vir aquí sería algo máis que faltar ao respecto a esta Cámara ou a vostedes, sería fallar ao traballo de moitas persoas. Ausentarse non é defender a autonomía local. De non acudir a esta cita, nin eu tería a oportunidade de explicarme nin vostedes de replicarme. Ocorrería simplemente o que xa viña sucedendo nos últimos sete anos coa ausencia reiterada da anterior presidenta da Deputación”, sostén o dirixente provincial.  

As contas do municipalismo

Despois de asegurar a súa asistencia o próximo ano, Luis López pasou a detallar as partidas do “maior orzamento da historia da Deputación”. A cifra global ascende a 189,2 millóns de euros, o que supón un 4,2% máis que as contas do ano anterior, é dicir, 7,6 millóns de incremento en comparación co pasado exercicio.

Argumentou o presidente da Deputación que o proxecto susténtase sobre tres eixos principais. “O compromiso de gobernar para todos, a transformación da provincia” e o municipalismo”, afirmou López.

Neste sentido, o mandatario provincial achegou exemplos de iniciativas concretas realizadas nos primeiros días do mandato relacionadas con cada unha destas tres liñas. O apoio ao pacto de Pedre ou a modificación das bases do programa PON 2030 para acabar coas cláusulas anti-Xunta e anti-Estado son mostra da colaboración entre administracións e a “renuncia expresa ao sectarismo ideolóxico”, sinalou. O relanzamento de Trazas para devolver o esplendor aos castros ou a reformulación do proxecto de Santa Clara relaciónanse coa intención de transformar a provincia para “ser referencia”. E, finalmente, os 18,5 millóns de euros mobilizados pola Deputación nos primeiros cen días de goberno, cuxo 70 % foi destinado aos concellos, son exemplo “municipalismo”.

Sobre o contido das contas, Luis López quixo deterse na partida de cooperación, na que se enmarca o programa +Provincia. “O maior plan de obras e servizos da historia da casa, dotado con 48,2 M€: un 9 % máis que o ano anterior e o triplo do incremento que nos demandaba a oposición”, subliñou o dirixente. En cen días o goberno provincial actual foi quen de incrementar a contía do plan de obras e servizos máis que o anterior executivo en oito anos.

En total, esta partida suma 66 millóns de euros, un 16% máis que no exercicio previo. É dicir, “un de cada tres euros deste Orzamento van destinados a apoio directo aos concellos”, recalcou.

Aposta polo Turismo e o Deporte

As contas reflicten tamén unha “aposta” polos eidos que contribúen a xerar economía, benestar e a crear imaxe de marca na provincia. A partida destinada a Deporte medra un 19 % para situarse nos 5,5 millóns, a de turismo sube un 1,8 % e chega aos 5,6 millóns e a de Cultura medra ata os 4,7 millóns despois dun incremento do 20 %. Ademais, as contas do Museo de Pontevedra crecen tamén un 3,2 % para situarse nos

10,3 millóns e créase un novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico dotado con 1,2 millóns de euros.

Así mesmo, López afirmou que os orzamentos provinciais debuxan un escenario de “déficit cero, realista, condicionado pola inflación e cunha mellora asociada ás condicións do persoal público”, entre elas, a mellora salarial do 3 %, a creación de 26 novas prazas ou a continuación do proceso de funcionarización do persoal laboral.

Finalmente, o presidente da Deputación concluíu a súa intervención facendo referencia ao lema da recentemente estreada imaxe institucional do organismo provincial. “Nos últimos sete anos esta comisión atopou na Deputación de Pontevedra un muro ao diálogo, á colaboración e á transparencia. Pretendo que agora atopen unha ponte. Unha ponte cos cidadáns, unha ponte cos 61 concellos e unha ponte con outras Administracións. O Parlamento de Galicia é unha delas, e así o estamos a demostrar este venres”, rematou Luis López.