Luis López presenta este mércores a campaña “100% Rías Baixas” en Fitur e mantén unha ampla axenda de actividades en Madrid para dar a coñecer a provincia

A auga, o té elaborado en Pontevedra, rutas arqueolóxicas e alternativas para peregrinar cara Compostela pola provincia serán protagonistas da axenda institucional da Deputación en Madrid con motivo da Feira Internacional de Turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta este mércores ás 12:30 horas no stand de Turgalicia en Fitur a campaña “100% Rías Baixas” e manterá unha ampla axenda de actividades en Madrid para dar a coñecer a provincia. Así, ademais da auga –eixo central de “100% Rías Baixas”- tamén serán protagonistas na Feira Internacional de Turismo o té elaborado en Pontevedra, as rutas arqueolóxicas e unha nova alternativa para peregrinar cara Compostela pola provincia.

O tiro de saída das actividades márcao a presentación da “rompedora, desenfadada e enérxica” campaña coa que a Deputación de Pontevedra promocionará os atractivos da provincia ao longo deste 2024. No acto, que poderá seguirse en directo ás 12:30 horas en 100% RÍAS BAIXAS (vimeo.com), participarán o presidente provincial Luis López, a deputada de Turismo Nava Castro e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como deputados provinciais, alcaldes e representantes do sector turístico.

Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, a Deputación de Pontevedra ofrecerá unha recepción na Casa de Galicia na que participará a delegación da institución provincial, ademais de alcaldes, representantes do sector turístico pontevedrés, español e internacional, e membros de diferentes sectores da sociedade asentados en Madrid. 

As actividades da institución provincial en Fitur previstas para o xoves 25 de xaneiro comezarán ás 12:30, coa degustación do té da provincia de Pontevedra, producido e elaborado pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, no stand de Turgalicia. Ás 15:00 horas, o presidente provincial Luis López xunto á deputada de Turismo, Nava Castro, darán a coñecer “Trazas de Pontevedra”, a ruta arqueolóxica a través do patrimonio castrexo provincial. Finalmente, ás 18:15 horas, será a quenda do Camiño Taverneiro, unha nova proposta para chegar a Compostela atravesando a provincia de Pontevedra.

Ademais, están previstas reunións sectoriais entre representantes de Turismo Rías Baixas e doutras administracións públicas, así como do tecido empresarial turístico de todo o mundo, de cara a poñer en marcha iniciativas de colaboración e de promoción do destino Rías Baixas. Tamén terán lugar entrevistas con diferentes medios de comunicación especializados e de información xeral interesados na provincia.