Luis López pide en Vigo avanzar unidos para garantir gobernos estables do PP nos concellos da provincia

O candidado, Luis López, nun acto en Vigo acompañado polo presidente da Xunta Alfonso Rueda, a delegada autonómica Marta Ferández-Tapias, e o ex alcalde Manuel Pérez.

Agradece o grande apoio que recibiu dos afiliados para formalizar a súa candidatura, “un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para o conxunto do partido”

O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Luis López, mantivo un encontro onte pola noite no Museo do Mar de Vigo con alcaldes, voceiros e afiliados da comarca e do Val Miñor, á que se sumou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, dentro da campaña electoral interna que está realizando de cara ao Congreso provincial que se celebra o sábado 9 de xullo na cidade.

López reclamou “unidade e traballo” para avanzar xuntos e garantir nas municipais do ano próximo gobernos estables do PP nos concellos da provincia. Nesta liña, subliñou a política “de feitos” dos populares, que garante estabilidade e crecemento onde gobernan, e comprometeuse a presentar os mellores proxectos para os 61 concellos da provincia.

“Somos o partido da xente”, e por iso animou a intensificar a presencia na rúa, escoitar o que teñen que dicir, atendelos e entendelos. “Só así acertaremos e conseguiremos presentar proxectos fortes e reais”.

Ademais de reforzar o partido nos 61 concellos coa mirada postas nas municipais do ano próximo, nos que pretenden mellorar resultados e recuperar alcaldías para o PP, os outros dous obxectivos que López marcou para a súa etapa son contribuír desde a provincia ao cambio necesario en España con Alberto Núñez Feijóo; e revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia con Alfonso Rueda. Para conseguilo, prometeu “traballo, unidade sen fisuras, disposición absoluta e apoio ás xuntas locais”.

Por último, agradeceu o “grande apoio” que recibiu dos afiliados da provincia, que lle permitiu entregar 2.363 sinaturas para formalizar a súa candidatura a presidente provincial. “Un éxito colectivo, un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para o conxunto do partido”, concluíu.