Luis López participa nunha visita á biblioteca de Petelos en Mos na que a Deputación investiu 360.000 euros para a reforma do inmoble

A obra serviu para adaptar o edificio aos novos tempos, facéndoo máis accesible e máis eficiente enerxeticamente, ao tempo que ofrece mellores servizos á veciñanza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este venres o remate da reforma do edificio da biblioteca e xulgados de paz da parroquia de Petelos, no Concello de Mos. O mandatario provincial compartiu esta visita cos escolares de primeiro e segundo curso de Educación Primaria do colexio de Petelos, que participaron nun obradoiro para coñecer a figura da poeta da comarca da Louriña que dá nome a este renovado inmoble, María Magdalena. Segundo sinalou o mandatario provincial, a obra serviu para adaptar o edificio aos novos tempos facéndoo máis accesible e máis eficiente enerxeticamente ao tempo que ofrece mellores servizos á veciñanza.

A reforma do inmoble, que supuxo o investimento de preto de 600.000 euros, dos que a Deputación achegou uns 360.000 euros ao abeiro do programa ReacPon e a Xunta, o resto; serviu para crear unha nova sala de uso exclusivamente infantil para fomentar a lectura na primeira infancia, así como a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética. Unha intervención que puido facerse realidade pola cooperación entre institucións que, como sostén Luis López, é o camiño para que os servizos á veciñanza e os equipamentos públicos vaian a máis.

Durante o encontro, o dirixente provincial participou tamén no obradoiro infantil para o deseño de marcapáxinas relacionados coa obra da poeta local María Magdalena. López charlou cos escolares sobre a figura da escritora da Louriña e animounos a descubrir os seus poemas, que forman parte dos fondos da biblioteca municipal para que calquera veciño poida consultalos. Neste sentido, o presidente da Deputación destacou que intervencións como esta mellora da biblioteca de Petelos contribúen tamén a actuar no reto demográfico ao poñer á disposición da cidadanía os recursos que precisan. A visita ao Concello de Mos completouse cun percorrido pola tamén rehabilitada casa reitoral na que o párroco explicou a historia deste histórico inmoble.