Luis López enxalza a cooperación institucional e a formación como claves para responder aos conflitos de interese na esfera local

O presidente da Deputación de Pontevedra inaugurou este martes, xunto co conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro, un taller sobre prevención e resolución deste tipo de situacións na administración local

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este martes no Edifcio Administrativo do organismo provincial un taller sobre a Prevención e Xestión de Conflitos de Interese na Administración Local de Galicia. Unha actividade dirixida a profesionais e responsables da Administración que organiza a Deputación Provincial en colaboración co Consello de Contas de Galicia, cuxo conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, participou tamén na súa apertura. “Agradezo a vosa presenza aquí porque amosa o interese que tedes en mellorar a vosa formación e aptitudes profesionais”, dirixiuse o mandatario provincial aos asistentes nun discurso no que tamén loou o labor do conselleiro Aladro. “É unha garantía de profesionalidade, rigor e solvencia alá onde exerza. E creo que o Consello está de parabéns”, sinalou López.

O obradoiro, que se desenvolveu en horario de mañá, estivo impartido pola doutora en Dereito e codirectora da Rede Localis, Concepción Campos. A sesión estruturouse en dúas partes. Unha primeira centrada na exposición dos principais aspectos regulamentarios que afectan á xestión dos conflitos de intereses nas entidades locais. E, unha segunda parte, para traballar en grupos reducidos na identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados, e as claves para a súa detección e resolución. “A Deputación amosa novamente que é unha ponte fundamental para coordinar as relacións entre institucións como a Deputación e o Consello de Contas; entre a Administración e os seus empregados para mellorar as súas aptitudes; e entre o conxunto dos funcionarios e a cidadanía, para mellorar a resposta ante situacións que afectan á poboación da provincia e de Galicia”, concluíu o presidente provincial, Luis López.