O presidente provincial fixo balance no ecuador do mandato e lamentou que as leas internas, polémicas e loitas de egos provoquen a crise en 16 municipios da provincia e prexudiquen a 266.928 veciños “que están desatendidos mentres asisten ao esperpento diario dos multipartitos”
Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Reis, Silleda, A Illa de Arousa, Cuntis, Forcarei, Rodeiro e Agolada “tamén presentan graves problemas de gobernabilidade”
López cre que esta situación xurde de acordos “que non están pensados nos cidadáns, só en que non goberne o PP” e anuncia que o partido “non vai deixar desamparados a estes veciños de cara ao 2027”
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, fixo balance esta mañá dos executivos municipais no ecuador do mandato denunciando a forte inestabilidade que padecen os concellos de Redondela, Cangas do Morrazo, Tui, Salceda de Caselas e Pazos de Borbén, así como outros 11 termos da provincia, con gobernos rotos, divididos ou febles que teñen a súa causa principal nos pactos PSOE-BNG e outras forzas minoritarias de esquerda e contrapuxo esta situación coa “boa xestión e bastión de estabilidade e unidade” amosada polas 27 alcaldías populares.
En concreto, indicou que, segundo denuncian os propios partidos integrantes destes gobernos, os seus socios e aliados nas investiduras e os propios medios de comunicación, ademais destes cinco municipios da área de Vigo, os concellos de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Reis, Silleda, A Illa de Arousa, Cuntis, Forcarei, Rodeiro e Agolada “presentan graves problemas de gobernabilidade”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra, que compareceu na sede provincial xunto á secretaria xeral do PP pontevedrés, Luisa Piñeiro, lamentou que as leas internas, as polémicas, os asuntos xudiciais, os enfrontamentos e ciumes e as loitas de egos presidan a xestión destes 16 municipios e, como consecuencia, unha forte crise política e institucional nos mesmos. Todo elo, engadiu, está a prexudicar diariamente a 266.928 veciños da provincia, “que están desamparados e desatendidos mentres asisten ao esperpento continuo destes gobernos multipartitos”.
Luis López asegurou que a situación que padecen estes 16 concellos, nos que residen o 28% dos veciños da provincia xurde de acordos entre o PSOE e o BNG “que son pactos tipo feitos en Santiago, que non teñen para nada en conta a situación de cada municipio e que eles mesmos admiten que non están pensados nos cidadáns, senón exclusivamente en que non goberne o PP, que é o único que lles importa”.
Fronte a elo, o presidente provincial puxo como exemplo a xestión, a unidade e a coherencia dos 27 concellos rexidos polo PP -24 con maioría absoluta, dous con pactos estables en Ponteareas e A Guarda e un en minoría en Mondariz pola renuncia da esquerda-, “xa que son gobernos serios, que teñen acertos e tamén erros, pero que están exclusivamente pensados en atender aos cidadáns e onde os conflitos internos nunca son noticia”.
Por elo, anunciou que o PP “non vai deixar desamparados a estes veciños” que sufren a desgobernabilidade destes concellos en crise e garantíu que os populares traballarán arreo para presentar a mellor alternativa e proxectos preparados para gobernar. “Onde só hai división, seremos a resposta”, apostillou.
Forte conflitividade en cinco concellos da Área de Vigo
Os dirixentes referíronse ao caso de Redondela como “un dos catro concellos peor xestionados” de toda a provincia e engadiron que todo elo xurde “dun pacto de perdedores que impedíu gobernar ao PP malia gañar as eleccións e que nin sequera foi un acordo serio, posto que o BNG actúa irresponsablemente tras investir a un executivo ao que lle fai unha forte oposición”.
Ademais, lembraron que a rexedora atópase neste momento en funcións tras perder a cuestión de confianza no pleno e que iso supón “un síntoma máis da súa febleza e da nula xestión que se lle está a ofrecer aos veciños de Redondela, posto que se adica exclusivamente a ir sobrevivindo”.
Neste senso, engadiron que o Concello de Redondela, o cuarto máis poboado da provincia, é noticia polos enfrontamentos PSOE-BNG, o aumento das débedas e das facturas impagadas, a falta de investimentos, a perda de axudas doutras administracións, a desatención ás parroquias, o aumento dos impostos como o lixo ou o servizo de conciliación ou ilegalidades como a contratación dunha asesora, xa cesada, pertencente ao BNG.
No caso de Cangas de Morrazo, indicaron que os problemas do tripartito son “interminables”, xa que ás súas diferenzas internas, hai que engadir os problemas xudiciais de dous concelleiros socialistas, coa marcha da ex tenente de alcalde, a investigación que están a facer as forzas de seguridade sobre as supostas irregularidades no pago dun rescate por un ciberataque que afectou ás nóminas municipais ou os enfrontamentos continuos coa ex alcaldesa de AV, Victoria Portas, por só citar algúns exemplos.
“En Cangas o PP gañou claramente as eleccións de hai dous anos e quedou a un puñado de votos da maioría absoluta, o que permitíu a conformación dun enxendro político de esquerdas que disque se chama goberno de Cangas, que non pode dirixir o Concello nin atender aos veciños, xa que unicamente está preocupado en sobrevivir, lamentaron os populares.
Os representantes do PP precisaron que en Tui a posición do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do goberno socialista é de “extrema debilidade” e vén marcada pola ruptura total de relacións anunciada polo BNG polo incumprimento dos acordos entre ambas partes, algo que foi negado polo PSOE e que provoca un clima de desconfianza entre ambas partes. Por elo, son habituais as perdas de votacións plenarias, “que provocan importantes eivas na xestión e que non saian para adiante os proxectos e temas de interese para os tudenses, especialmente no caso dos aparcamentos”.
Pola súa banda, en Salceda de Caselas reproduciuse o “pacto de perdedores” que impedíu que o PP acadase a alcaldía malia gañar novamente e de xeito claro as eleccións de 2023. Sen embargo, este acordo foi só para a investidura polo “malestar socialista” co partido independente MS tras a “mala experiencia” do mandato anterior coa alcaldía rotatoria, polo que o goberno “está en soidade e nunha absoluta minoría que se nota nunha xestión deficiente”. Finalmente, estes feitos reprodúcense en Pazos de Borbén, onde PSOE e BNG fixeron alcalde ao candidato independente de AV tras perder as eleccións fronte ao PP “e logo, no colmo do esperpento, o líder socialista pide a súa dimisión, o que xera un clima de enfrontamento entre eles que impide aprobar os orzamentos, o pago de facturas e os proxectos para os veciños”.

