Luis López anuncia a celebración de dous partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina de balonmán no Porriño e Lalín nesta primavera

O presidente da Deputación deu a coñecer estes eventos nun acto no Pazo provincial ao que asistiron representantes dos clubs da provincia, os presidentes das federacións española e galega; e os rexedores dos concellos que acollerán estes encontros

O programa complétase coa primeira edición da Copa5x5 de balonmán na rúa. “É o escenario perfecto para amosar o que supón o balonmán para a provincia”, dixo a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este luns a celebración de dous partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina de balonmán que terán lugar no Porriño e en Lalín nos meses abril e maio. “Son dous partidos de grandísimo nivel”, afirmou o mandatario provincial no presentación destes encontros que tivo lugar no salón de plenos do Pazo provincial e no que participou tamén a vicepresidenta primeira e responsable da área de deportes, Marta Fernández-Tapias; o presidente da Real Federación Española de Balonmano (RFEBM), Francisco Blázquez; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; e os alcaldes das sedes destes encontros, Alejandro Lorenzo e Jose Crespo. “Pontevedra é unha provincia pequena en territorio, pero moi grande en deporte e a primeira disciplina que nos vén a mente cando falamos de deporte é o balonmán”, asegurou o presidente López para destacar a importancia deste deporte e destes dous encontros para a provincia.

O primeiro destes partidos está previsto para o 7 de abril no Concello do Porriño. As Guerreiras, nome co que é coñecida a selección absoluta feminina, mediranse ao combinado de Azerbaiyán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa deste ano 2024. Por outro lado, o Lalín Arena acollerá o 8 de maio o partido dos Hispanos. A selección absoluta masculina enfrontarase a Serbia no choque de ida dunha eliminatoria a dobre partido co billete para o mundial do próximo ano en xogo.

Nun salón de plenos ateigado por representantes dos equipos de balonmán da provincia e ducias de nenas e nenos dos equipos da base do Balonmán Porriño, redondeouse a programación cun novo anuncio. A organización da primeira edición da Copa 5×5 Deputación de Pontevedra que encherá as rúas da capital da provincia de balonmán no mes de xuño. Trátase dun torneo de categorías de base na que durante seis días as nenas e nenos dos equipos da provincia amosarán todo o seu potencial nunhas canchas que se instalarán na propia rúa. “A rúa é o escenario perfecto para amosar o que supón o balonmán para a nosa provincia”, declarou a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias.

Despois da proxección de dúas pezas audiovisuais de ambas as seleccións, o acto centrouse na tradición do balonmán na provincia de Pontevedra, no que o presidente López fixo fincapé no traballo dos clubs, dos adestradores e das familias para construír cada día unha base tan sólida coma a do balonmán pontevedrés, especialmente en concellos pequenos como Meaño ou Rodeiro, no que o balonmán é o deporte rei. Neste sentido, a vicepresidenta Fernández-Tapias, recalcou tamén a transcendencia da visita da selección feminina para seguir dando visibilidade ao deporte feminino. “A Deputación vai estar sempre ao carón da Federación e dos clubs”, afirmaron ambos os dous dirixentes para tender a man a futuras colaboracións coa RFEBM.

Pola súa banda, Lorenzo e Crespo destacaron o alto grado de seguimento e participación que ten o balonmán nos seus municipios. No caso do Porriño, o alcalde destacou as máis de 2.000 licenzas que ten o club e as numerosas actividades que organiza para fomentar o deporte. Mentres que en Lalín, o rexedor afirmou que “o balonmán no noso pobo é unha relixión” e recordou que xa no ano 2010 a selección masculina gañou en a Lituania na inauguración do pavillón Lalín Arena.  Unha tradición que tanto Francisco Blázquez como Bruno López confirmaron. “Porriño, Lalín e Pontevedra son templos para o balonmán galego e nacional”, dixo o titular da federación autonómica. “É unha das provincias de máis apoio e na que máis se traballa”, engadiu o mandatario nacional.

O deporte, complemento ideal para o turismo

Outro dos aspectos destacables destes eventos, que serán televisados en aberto pola canle Teledeporte é dar a coñecer a provincia como destino de turismo deportivo. “A nosa aposta polo deporte está ligada ao turismo”, confesou a vicepresidenta Fernández-Tapias. Un compromiso que se ve reflexado na organización de eventos de primeiro nivel que promove e apoia a Deputación como o partido de fútbol da Selección Española que tivo lugar no pasado mes de novembro en Pasarón ou o paso do pelotón de La Vuelta a España pola provincia que terá lugar este verán, así como o remate no Monte Aloia do Gran Camiño, que traerá á provincia ás máis grandes figuras do ciclismo. O acto rematou cunha foto de familia nas escaleiras do pazo provincial e coa entrega dun agasallo, as camisetas oficiais das seleccións de balonmán. “Como pontevedrés e galego, que teñamos xogadores e xogadoras na selección é un orgullo. Ver partidos da selección sempre é impresionante, pero se temos galegos, aínda o será máis”, concluíu o presidente Luis López convencido de que o público da provincia encherá os pavillóns de Lalín e do Porriño para facer que as seleccións consigan os seus obxectivos.