Luis López anima a traballar pola igualdade os 365 días do ano a escolares do Porriño na inauguración dunha mostra sobre o traballo das mulleres do mar

O presidente provincial presentou o premio creado pola Deputación, o Boas Prácticas en Igualdade, para recoñecer os avances nos eidos cultural, social, deportivo e educativo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño na inauguración da exposición “Achegas das mulleres á Sustentabilidade do Mar”, enmarcada no programa de conmemoración do Día Internacional da Muller deste centro de Educación Primaria. Durante o acto, o mandatario provincial puxo en valor o labor das mulleres que traballaron e traballan no eido do mar, desde o marisqueo ata as investigadoras; e salientou, diante dos escolares de sexto curso, que calquera delas sería xusta merecedora do Premio Boas Prácticas en Igualdade que acaba de crear o organismo provincial. “Eu tamén vexo aquí futuros gañadores deste premio”, confesoulle Luis López aos estudantes sobre un galardón que recoñece o traballo pola igualdade no social, cultural, deportivo ou educativo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Acompañado pola deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a profesora e investigadora, Tamara Amorín; e integrantes da comunidade educativa; o presidente da Deputación fixo fincapé na necesidade de traballar ao longo de todo ano para acadar a meta dunha igualdade real entre mulleres e homes. “Hai un día moi importante esta semana, o 8M, no que se celebra o Día da Muller. Pero eu pídovos que non sexa só un día, que sexa os 365 días do ano. É o que pretendemos desde a Deputación, con moitas actividades ao longo do ano”, encargoulle o dirixente provincial ao conxunto dos estudantes dos centros educativos do Porriño que se deron cita este martes no Manuel Antonio.

Aproveitando o contido desta exposición, sobre a que os escolares deste centro traballarán ao longo dos vindeiros días en obradoiros relacionados coa igualdade e a sustentabilidade do medio mariño, Luis López reivindicou o papel de todas mulleres que traballan neste sector. Así, interesouse por se os escolares tiñan algún familiar que se dedicara ao mar e convidounos a recoñecer o esforzo de todos estes traballadores e a “darlle visibilidade ás mulleres que fan actividades relacionadas co mar”. Pola súa banda, o rexedor Alejandro Lorenzo sumouse á petición do presidente provincial de traballar pola igualdade ao longo de todo o ano e animou aos estudantes a aproveitar as ensinanzas desta exposición. “O Porriño non ten mar, pero moitos temos familiares relacionados co mar e hoxe poñemos en valor a esas mulleres”, concluíu o rexedor, quen acompañou ao presidente da Deputación nun percorrido por esta exposición sobre as mulleres do mar e a súa aportación á sustentabilidade destes ecosistemas.