
O exministro considera nun encontro dixital organizado pola UVigo que se tardará en recuperar os niveis de renda que había a finais do 2019
O impacto sanitario e económico producido pola pandemia da covid-19 non ten precedentes e todo apunta a que a futura recuperación vai estar sometida a unha “enorme incerteza”.
O vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos, ofreceu este mércores un encontro dixital, dentro do ciclo Coloquios en tempos de pandemia, que organiza a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, no que salientou que “incerteza” é precisamente, a palabra que mellor define o complexo escenario que se presenta na eurozona tras a pandemia da covid, incerteza en canto á posible evolución do virus ao longo dos próximos meses e á desexada chegada dun remedio para a enfermidade, pero tamén incerteza para determinar as consecuencias económicas e financeiras de toda esta situación.
En este sentido, De Guindos salientou que se tardará en recuperar o nivel de renda que había a finais do 2019 e, ademais, que a recuperación será desigual, tanto por países como por sectores. Engadido a isto, o vicepresidente do BCE fixo fincapé en que esta mellora económica se prolongará no tempo máis do previsto inicialmente e que, en todo este proceso, é importante manter os fluxos de crédito para as familias e as empresas.
Neste contexto o exministro de Economía do Goberno de España considerou “máis necesario que nunca” que os bancos actúen, e que o fagan reducindo custes, eliminando excesos de capacidade, apostando pola dixitalización como investimento de futuro e tamén polas fusións bancarias, ás que se referiu como un “instrumento adecuado” para levar a cabo estes axustes de custes e de mellora dos ratios de eficacia.
“Hai que manterse unidos e actuar con rapidez, intensidade e de maneira conxunta”
“Polo momento o que miramos é que fomos quen de evitar unha importante crise de débeda e aí é onde é necesario pór todos os esforzos para que non se sume unha crise financeira á intensa crise sanitaria e económica que xa produciu a pandemia”, salientou De Guindos. Nestas circunstancias, ao seu xuízo, resulta fundamental que as políticas económicas sexan especialmente predicibles e que permitan ter referencias claras aos diferentes actores.
Nesta liña, subliñou que o reparto de fondos europeos son un mecanismo importante para axudar na recuperación e para evitar diferencias entre os distintos países. “Hai que manterse unidos e actuar con rapidez, intensidade e de maneira conxunta”, enfatizou o prestixioso economista, ao que engadiu que estes fondos son tamén un “complemento importante” ás actuacións nacionais que, desde o seu punto de vista, deben ir dirixidas a incrementar o crecemento potencial e a medio prazo das economías dos diferentes países.
Segundo explicou na charla, desde o BCE seguirán atentos á evolución da pandemia para “reequilibrar os diferentes mecanismos en función das circunstancias” e para que os efectos tráxicos do coronavirus, “enormes e intensísimos desde o puntos de vista económico”, non evolucionen cara unha crise máis profunda do que xa o está facendo. Neste sentido, engadiu que desde o BCE están tratando de pór as solucións necesarias para que desde o punto de vista financeiro a economía europea poida recuperarse.
