Lola Galovart, nova Valedora da Cidadanía de Vigo

O Pleno Municipal aprobou este luns, cos votos en contra dos grupos da oposición, a designación de Lola Galovart como Valedora da Cidadanía, logo da renuncia de Luís Espada Recarey que asumía o cargo ata este momento

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, Lola Galovart foi maxistrada en Gran Canaria, Vigo, Ferrol, Ponteareas e Torrelavega; deputada no Congreso na XII lexislatura; vice valedora do Pobo en Galicia; asesora do Defensor do pobo; técnica de xestión da Seguridade Social e avogada en Vigo.

O voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, trasladou o “orgullo e satisfacción pola aceptación” do cargo por parte de Lola Galovart e criticou o “sectarismo político” de PP E BNG “cuestionando de forma directa a proposta”, dado que corresponde ao goberno municipal realizala de forma lexitima: “a demostración do máis puro sectarismo”.

O voceiro do grupo nacionalista censurou “a falta de consenso de tódalas forzas políticas” para esta designación xustificando o seu voto negativo á proposta de Lola Galovart pola súa “proximidade ao partido socialista e pola simpatía ao alcalde e ao seu goberno”.

Miguel Martín explicou a “negativa lóxica e obrigada” do PP á proposta polo intento do goberno municipal de “saltar os principios ao nomear a unha persoa sobre a que recae a sombra da dúbida e a sospeita pese ao seu currículo profesional”.

Carmela Silva, dende a presidencia do Pleno, felicitou a Lola Galovart poñendo en valor a súa “traxectoria profesional, política e persoal onde o sectarismo non ten lugar” e trasladou a súa ledicia porque unha muller ostente este cargo: “vai defender a cidadanía viguesa sin ningunha dúbida”.