Licitada a transformación da Praza da Miñoca

O alcalde informou da aprobación dos pregos e apertura do concurso público para unhas obras que durarán seis meses

Avanza a tramitación municipal da nova Praza da Miñoca. O goberno de Vigo aprobou este xoves o expediente de contratación dun proxecto que busca “naturalizar o espazo”, en verbas de Abel Caballero. O Concello reserva 1,6 millóns de euros ao efecto e as obras prolongaranse durante un prazo estimado de seis meses.

Caballero detallou este xoves en rolda de prensa as principais características da futura Miñoca. O deseño dos xardíns integrarase nos estanques e as canalizacións de auga, e haberá diversas plantacións arbóreas, entre as que citou os cereixos e exemplares xaponeses; o goberno vigués prevé crear un río artificial e dispoñer o terreo en bancais para salvar a pendente. Por outra banda, a planificación municipal inclúe unha bancada multifuncional para pequenos eventos e un perímetro con bulevar e carril bici.

O parque infantil tamén experimentará un notable cambio con respecto ao actual, en primeiro lugar, de tamaño. O proxecto recolle un “macro parque infantil” de dous mil metros cadrados de superficie, explicou o rexedor, repartidos en zonas de area, caucho e céspede. Tamén se construirá unha zona de parkour e se instalarán aparatos biosaudables para o exercicio da xente maior.

O Concello renovará ademais as redes de abastecemento, pluviais e canalizacións eléctricas, reparará as lastras existentes e incorporará unha nova iluminación de “maior calidade e aforro enerxético”, informou Caballero. Por último, o alcalde avanzou que se reparará o recubrimento da escultura.