O espectáculo aspira a sete galardóns, segundo anunciou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia
O espectáculo “Liberto”, da compañía Marelas Producións, aspira a sete galardóns, como mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria, música orixinal e iluminación. No Auditorio Municipal de Vigo teremos a oportunidade de ver este venres 28 de febreiro ás 21 horas esta produción, que non terá máis actuacións en Galicia antes da entrega dos premios que terá lugar o 26 de marzo na cidade da Coruña.
Por outro lado, o espectáculo “Bernarda” de Malasombra Producións, que estivo dentro da programación Vigocultura o pasado venres, acada 5 nominacións como mellor espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.
“Despois das ondas” da compañía viguesa ButacaZero, que estivo tamén no Auditorio no pasado mes de outubro, acadou 3 nominacións, mentres que “A compañeira de piso” de Contraproducións, que abriu a programación deste semestre, ten unha nominación a mellor actriz protagonista e “Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos” de Teatro Avento, estreada en Vigocultura e Premio do Público 2019, está nominada a mellor espectáculo infantil.
Neste semestre dentro do programa Vigocultura poderemos ver outros dous espectáculos que contan con nominacións: “Lambetadas” de Talía Teatro, que estará o domingo 15 de marzo, que opta tamén a mellor espectáculo infantil, e “Medida por Medida” de Producións Teatráis Excéntricas, que estará o venres 17 de abril e que conta con tres actores secundarios nominados ao premio.
As entradas xa poden adquirirse anticipadamente, sen gastos de xestión, a través de www.evenbrite.es , e en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval 35).