O voceiro do goberno provincial reitera que a situación orzamentaria da Deputación de Pontevedra é “preocupante” polo gasto irresponsable do anterior goberno
A situación económica da Deputación de Pontevedra segue a ser preocupante como consecuencia do gasto excesivo levado a cabo polo anterior goberno en ano electoral. Así o explicouse hoxe o portavoz do goberno provincial, Jorge Cubela, que sinlaou que moitas das partidas do orzamento están esgotadas, cando aínda quedan tres meses para rematar o ano.
Cubela sinala que para cubrir a mala xestión do goberno anterior, o voceiro do Grupo Socialista, Carlos López Font, ten que recorrer a atacar ao presidente Luis López, que o primeiro que fixo ao chegar ao goberno foi encargar unha avaliación das contas e abrir as portas do Pazo Provincial para reunirse con representantes do tecido social e asociativo da provincia.
“O señor Font ten un papel moi difícil. Por un lado, ten que defender un goberno do que agora comezamos a saber moitas cousas, ademais do seu sectarismo; e por outro, ten que intentar evitar que a cidadanía, os colectivos sociais e os 61 concellos se dean conta de que o despotismo da expresidenta Carmela Silva desapareceu desta institución”, respondeu Cubela ás declaracións do propio López Font nas que acusaba ao executivo de Luis López de mentir sobre o estado das contas da Deputación.
O deputado socialista argumenta que a acta de arqueo reflexa uns fondos de 196.127.662 euros na caixa. Sen embargo, ese dato refírese ás existencias ou valores da Deputación, nada ten que ver co crédito dispoñible no orzamento, que é o que marca os fondos dispoñibles para acometer investimentos, gastos correntes ou transferencia neste ano. A esta “preocupante” situación orzamentaria referíase o presidente López.
“O voceiro do PSOE quere confundir a cidadanía con xogos de trileros. Non lles quedan máis argumentos que acudir a estas triquiñuelas para defender súa pésima xestión económica”, lamenta Cubela.
Os datos da avaliación interna reflexan que moitas partidas orzamentarias están case esgotadas. No capítulo destinado a subvencións para gastos correntes da área de Cohesión Social só queda dispoñible o 5,71 % do orzamento e o mesmo sucede no departamento de Cooperación, cun 6,11 % e un 4,10 % dispoñibles para subvencións para gastos correntes e para investimentos en Concellos, respectivamente.
Igual de preocupante é a situación en Cultura e Deporte. Dun orzamento de 1,8 millóns destinados a subvencionar actividades culturais só quedan 96.500 euros. Mentres que para dar subvencións a clubs ou asociacións para actividades deportivas só quedan en caixa 258.400 euros, dun total de 5,17 millóns.
En Turismo deixaron ao novo Goberno un total de 79.275 euros para a promoción turística, a asistencia a feiras ou actuacións promocionais. Isto é un 5,42 % do orzamento total destinado a gastos correntes no departamento de Turismo. E en Infraestruturas, máis do mesmo, só quedan 493.000 euros para gastos correntes.
“Esta é a xestión que os socialistas cualifican de sobresaínte. López Font e os seus non están para dar leccións de goberno responsable”, subliña o portavoz popular, que defende o “extraordinario labor” dos técnicos de Intervención e Tesourería da Deputación. “De non ser por eles, o estado das contas sería aínda peor”, recoñece.
“O ton que emprega o voceiro socialista, atacando, insultando e menosprezando un goberno elixido lexitimamente nas últimas eleccións demostra que a súa formación aínda non asumiu que a cidadanía pontevedresa dixo non a esa forma crispada de facer política que caracteriza aos socialistas nesta provincia”, afirma o portavoz do Goberno provincial, Jorge Cubela.
Neste sentido, o executivo que preside Luís López ten moi claro o camiño a seguir no que queda de ano. “Este goberno está centrado en traballar para todos os concellos da provincia e en atender os colectivos, que serán os protagonistas neste derradeiro trimestre do ano e nos orzamentos do próximo exercicio”, rematou o voceiro do Partido Popular.