O voceiro do grupo provincial do PP de Pontevedra, Jorge Cubela, pregúntase canto máis vai tardar a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en dar a cara, ofrecer explicacións e asumir algún tipo de responsabilidade política pola maior trama corrupta de Galicia, coa que está directamente relacionada, porque a única beneficiada é a súa cuñada, que foi enchufada nunha concesionaria do Concello de Vigo, recibindo 108.000 euros por traballos que nunca fixo.
A punto de cumprise o prazo de cinco días que o xulgado deu para o ingreso en prisión do alto funcionario do Concello de Vigo condenado por esta trama, para o que os socialistas vigueses reclamaban o seu indulto, o PP di que “o silencio de Carmela Silva e de todo o PSOE resulta escandaloso”. Recorda que “para que ese alto funcionario execute, hai alguén que dá a orde. Ou acaso pretenden Silva e Caballero que creamos que foi decisión exclusiva do funcionario? De todas as persoas que podía enchufar, elixiu por casualidade á cuñada de Carmela Silva?”.
Desde o PP denuncian que “non só é que non asuman a responsabilidades políticas, é que nin sequera deron algún tipo de explicación pública. Carmela Silva, á que tanto lle gusta pedir explicacións a todo o mundo, segue calada. Será porque ten moito que ocultar”.
Apunta que “a cidadanía merece explicacións, e non políticos que se esconden detrás de funcionarios. O PSOE de Vigo e Carmela Silva néganse a dar explicacións, pero desde o PP seguiremos reclamándoas por dignidade, por ética e por responsabilidade política”.

