Investigadores da UVigo participan nun estudo que constata que os abellóns combaten con éxito a avespa velutina

Foto: Thomas O’Shea-Wheller

Os resultados acaban de ser publicados pola revista ‘Communications biology’, editada por Nature

A pesar destas estratexias de defensa, comprobaron o impacto negativo nas colonias de polinizadores

A revista Communications biology, editada polo grupo Nature, publica este xoves un artigo no que participan investigadores da Universidade de Vigo e no que se constata que os abellóns (Bombus terrestris) son capaces de defenderse dos ataques da avespa velutina. Cando son atacados, os abellóns enróscanse sobre eles mesmos e déixanse caer ao chan, levando con eles ás velutinas, o que fai que estas perdan o control ou que os abellóns levanten o seu aguillón e pelexen ata que a avespa se dá por vencida. Este é un dos resultados da investigación liderada pola University of Exeter e na que participan varios investigadores galegos, entre eles Salustiano Mato, catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e a investigadora Sandra Rojas, ambos da UVigo.

O estudo aborda as repercusións que provoca a V. velutina noutras colonias de insectos distintas ás abellas melíferas, á marxe da propiamente dita acción predadora. E foi no proceso de elaboración deste estudo cando os investigadores presenciaron máis de 120 ataques deste tipo nunha ducia de localizacións da provincia de Pontevedra e se decataron de que o abellón conta con boas habilidades para defenderse da V.velutina. Con todo, esta estratexia de defensa non resulta ser suficiente, e os científicos comprobaron que as colonias de abellóns reduciron as taxas de crecemento en áreas cun gran número de avespas asiáticas, o que suxire que esta especie invasora ten un impacto negativo, incluso se os seus ataques ás entradas das colonias fallaban.

Un estudo internacional liderado dende Reino Unido 

O autor principal do artigo, Thomas O’Shea Wheller, do Instituto de Medio Ambiente e Sostibilidade do campus Penryn de Exeter en Cornwall, explica que “as avespas asiáticas aliméntanse dunha ampla gama de insectos, incluídas as abellas melíferas, pero sábese pouco sobre o seu impacto noutros polinizadores». No caso das melíferas, as velutinas flotan fóra dos niños e atacan aos recolectores cando pasan voando. «Rexistramos avespas facendo o mesmo cos abellóns, pero coa sorprendente diferencia de que, nas nosas observacións, non tiveron ningún éxito».

O científico de Exeter engade que aínda que “os ataques que presenciamos nas entradas das colonias non tiveron éxito, sabemos que hai abellóns na dieta das avespas asiáticas, e que se aproveitan deles noutros lugares. Ademais, defenderse contra estes ataques probablemente sexa enerxeticamente custoso, e cando a abundancia de avespas é alta, e isto podería ser un problema importante para as abellas que buscan alimento”. E é que as velutinas tamén consumen néctar das flores, “o que significa que compiten directamente coas abellas polo alimento e as acosan mediante ataques constantes».

Para a realización deste estudo, soltáronse varias colonias de abellón nunha ducia de enclaves da provincia de Pontevedra, onde tamén colocaron cámaras de vídeo, a través das que puideron visualizar o comportamento e as reaccións dos abellóns ante ataques de V. velutina ou, simplemente, cando estas se atopaban ao seu redor. As colonias pesáronse cada dous días, xa que o cambio de peso é unha medida do crecemento das colonias.