Investigadores da UVigo lideran un proxecto que afondará no coñecemento dos procesos que regulan a inxesta de alimento nos peixes

UCM e CSIC completan o equipo, que suma 15 anos de traballo conxunto

O deseño de estratexias de alimentación máis eficientes é un dos grandes retos aos que se enfronta a acuicultura á hora de producir peixe, unha fonte de proteínas de alta calidade destinadas a unha poboación humana que non deixa de medrar, e á que pesca extractiva non é quen de dar resposta. “O custe máis importante da produción de peixe é a alimentación. Coñecer os mecanismos que fan que un peixe coma ou non coma permitirá a medio prazo deseñar estratexias de alimentación máis eficientes, de modo que o peixe coma todo o alimento no momento e condicións óptimas para elo, de modo que non se desaproveite ningún”, explica o docente e investigador do grupo de Fisioloxía de peixes, CIM-UVigo José Luis Soengas, que xunto ao seu compañeiro de grupo Jesús Míguez, coordina o proxecto Nuevas perspectivas en la regulación de la ingesta de alimento en peces: interacciones entre mecanismos homeostáticos, circadianos y hedónicos. Cun importe total de preto de 600.000 euros, o proxecto do Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad do Ministerio de Ciencia e Innovación, conta coa participación, ademais dos investigadores da UVigo, do grupo de Neuroendocrinología de peces da Universidade Complutense, liderado por María Jesús Delgado e do grupo de Control de ingesta de peces do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal- CSIC con José Miguel Cerdá-Reverter á fronte.  

Na regulación da inxesta de alimento nos peixes hai tres compoñentes básicos: a regulación homeostática, mediada por mecanismos metabólicos e endocrinos e que explica os mecanismos da fame e a saciedade; a regulación circadiana, que explica porque uns animais comen de día e outros de noite e a regulación hedónica, que é a que explica porque un animal come aínda que non teña fame. Os tres subproxectos que conforman esta investigación abordan os tres compoñentes básicos na regulación da inxesta nunha serie de tarefas experimentais conxuntas ou separadas.

“Neste novo proxecto, utilizando varias especies de peixes teleósteos como modelo, os participantes, coordinados pola Universidade de Vigo, pretendemos ir un paso máis aló no coñecemento dos procesos que regulan a inxesta de alimento, afondando non só nos mecanismos homeostáticos e circadianos, estudados ata a data, senón tamén nos mecanismos hedónicos ou de recompensa, que non foron abordados en detalle por ningún grupo de investigación ata o momento”, detalla Soengas, cuxo grupo de investigación leva 15 anos colaborando cos outros integrantes do proxecto nas regulacións homeostática e circadiana. En canto á regulación hedónica, o investigador da UVigo sinala que se ben se sabe que os peixes poden comer cando non teñen fame, “polo que se asume que neles existe esa regulación hedónica da inxesta”, o coñecemento específico da mesma, é dicir, que compoñentes do alimento a estimularían, a través de que mecanismos, ou en que lugares, etc. “é do que hai moi pouco coñecemento”. 

Equipos de investigación que estableceron as bases científicas dos mecanismos de inxesta

Os tres equipos de investigación que participan no proxecto Nuevas perspectivas en la regulación de la ingesta de alimento en peces: interacciones entre mecanismos homeostáticos, circadianos y hedónicos traballaron xuntos con anterioridade en cinco proxectos coordinados e consecutivos durante os últimos 15 anos, “o que nos permitiu establecer as bases científicas dos mecanismos de inxesta, como acredita o gran número de artigos JCR, aproximadamente 200 nos últimos 10 anos, e sobre todo a calidade, maioría Q1, polo que son unha referencia internacional ao respecto”, sinala Soengas, que a medio prazo agarda que a transferencia dos resultados do proxecto ao sector produtivo permita mellorar o deseño de estratexias de alimentación na acuicultura “e, en consecuencia, contribúa a fortalecer a súa competitividade e sostenibilidade”.

No proxecto, que comezou a mediados deste ano e se prolongará ata mediados do 2023, a nivel homeostático, os obxectivos que se abordan inclúen, a nivel gastrointestinal, caracterizar a capacidade de detección de nutrintes e a súa participación a través da modulación da secreción de hormonas gastrointestinais no control da inxesta de alimento, así como o impacto da sobreexpresión do neuropéptido  ASIP e os mecanismos de acción da  serotonina tanto a nivel central como periférico. “O persoal investigador caracterizará o papel regulador na inxesta de alimento e o gasto enerxético de novos péptidos reguladores periféricos como a asprosina, a adropina e a fenixina”, explica Soengas, que no caso da regulación do metabolismo periférico explica que se estudará o efecto das alteracións a nivel central en AMPK (proteína quinasa activada por AMP), así como o papel da nocturnina no fígado. A nivel central, abordarase, en primeiro lugar, aspectos dos mecanismos de detección de nutrintes non estudados ata a data, como o dimorfismo sexual ou novos mecanismos intracelulares, e, en segundo lugar, estudiaranse os mecanismos de integración de nutrintes e hormonas. 

A nivel circadiano, os obxectivos fixados permitirán determinar a ritmicidade do sistema de melanocortinas, avaliar a capacidade dos reloxos hepáticos para a integración de sinais  endocrinas e luminosas, caracterizar novos reloxos a nivel central e a súa relación cos reloxos periféricos, determinar o papel dos sensores de enerxía no funcionamento dos reloxos endóxenos, o posible papel de sincronización dos metabolitos da  microbiota intestinal ou a capacidade do sistema serotoninérxico para modular os osciladores  circadianos. Finalmente, a nivel hedónico, definiranse as probas de comportamento para o seu estudo, avaliarase a presenza de posibles compoñentes hedónicos no alimento e as súas vías de comunicación cara ao sistema nervioso central e caracterizarase a posible dependencia circadiana das respostas hedónicas e posibles mediadores das mesmas.