Instalan un punto limpo de proximidade en Praza da Independencia

Este moble urbano facilitará á cidadanía viguesa a separación efectiva de residuos como tóner, aerosois, pilas ou bombillas

Co obxecto de seguir impulsando a correcta separación e reciclaxe entre a cidadanía, o Concello de Vigo e FCC acaban de activar a instalación dun punto limpo de proximidade que permitirá á cidadanía depositar residuos que ata agora soamente se podían levar ao punto limpo fixo ou aos doce puntos móbiles que se sitúan en distintas zonas da urbe en días e horas diferentes.

Trátase dun moble urbano situado en Praza da Independencia, que dispón de diferentes compartimentos para a separación efectiva de residuos como tóner, aerosois, pilas,  bombillas de baixo consumo, roupa, zapatos, pequenos electrodomésticos, aceite, CD’s, fluorescentes, radiografías, cápsulas de café ou cintas de vídeo.

Os contedores interiores deste punto limpo son de plástico estándar, teñen unha capacidade de 80 litros e están equipados con rodas, tapa e asa.

O Concello e a concesionaria de limpeza contemplan instalar un novo punto limpo de proximidade coma este en Avenida de Castelao para seguir facendo de Vigo a cidade máis limpa.