“Hai vinte anos disto”, a retrospectiva de Encarna Penelas na Casa Galega da Cultura

O Concello quere recoñecer a traxectoria da escultora e pintora, viguesa de adopción, autodidacta e eloxiada por Laxeiro, agora que se cumpren vinte anos desde a súa última creación

A mostra pode visitarse ata o 31 de marzo

“Hai vinte anos disto. A escultora Encarna Penelas en retrospectiva” é a exposición que vén de inaugurarse na Casa Galega da Cultura e que reúne preto de cincuenta obras producidas, principalmente escultura en madeira, mármore ou bronce. No acto, acompañando á artista, participaron o alcalde, a tenente de alcalde, Carmela Silva, e o concelleiro de CUltura, Gorka Gómez.

As pezas amosan o gran enxeño creativo de Encarna Penelas e o dominio técnico da materia coa que traballa devagar, con agarimo, logrando liñas moi depuradas e brillantes xogos de textura.

O Concello quere recoñecer a traxectoria da escultora e pintora que ten xa noventa anos, que foi moi coñecida e activa nas décadas finais do século XX e a quen Laxeiro dedicou moitos eloxios e retratou en varias ocasións. Hai vinte anos que deixou de crear, e esta é a súa primeira exposición en todo este tempo.

Encarna Penelas debutou na arte pasados os corenta anos, primeiro como alumna da EMAO onde aprendeu talla en madeira co gran mestre Camilo Nogueira. Logo fixo a súa primeira exposición, en xaneiro de 1978 dentro do colectivo Abracadabra e, máis tarde, traballou xa pola súa conta como artista autodidacta como sempre se definiu.