Gonzalo Caballero subliña en Baiona que «o cambio é máis necesario que nunca»

O candidato socialista apela á mobilización cara o 12X para “non arrepentirnos durante os próximos catro anos”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Baiona, onde apelou á mobilización de “todos os galegos” o vindeiro 12 de xullo.

“Xogamos o futuro. Non servirá arrepentirnos catro anos se o PP de Feijóo segue, con recortes e reducindo as posibilidades de futuro de Galicia”, advertiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “pasar páxina á etapa dos recortes de Feijóo”. “O cambio é máis necesario que nunca”, arengou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero indicou que o 12 de xullo xógase “se Galicia avanza cara o progreso, o benestar, a igualdade real entre homes e mulleres, a defensa das persoas máis vulnerables” ou “se Galicia mantén a liña de Feijóo de deixar unha Galicia cada vez máis cativa”.

Neste senso, denunciou o recorte de Feijóo de máis de 2.000 millóns de euros na sanidade pública, o peche dun millar de camas hospitalarias, a destrución de 70.000 empregos en Galicia antes da chegada da covid… “O 12 de xullo é unha oportunidade para o futuro, e nós estamos preparados para un cambio con garantías”, profundou.

Os socialistas queremos unha Galicia de oportunidades e de prosperidade, comprometida co estado do benestar”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, para facer un chamamento a que a maioría progresista que existe en Galicia “non quede na casa” o 12 de xullo. “As nosas receitas son máis necesarias que nunca”, concluíu.

Ademais, Gonzalo Caballero recordou como sempre foron os gobernos socialistas os que tomaron medidas a prol da cidadanía, “a diferencia do que ocorre cando goberna a dereita”, e puxo en valor “o quinto piar” do estado do benestar que acaba de aprobar o goberno de España, o ingreso mínimo vital.

Do mesmo xeito, reivindicou a labor dos concellos progresistas e enxalzou a forza municipalista do PSdeG, que ten un alcalde ou alcaldesa en cinco das sete cidades galegas e un presidente ou presidenta en tres das catro deputacións. Por tanto, pediu “non ter medo á dereita” porque “somos máis e somos mellores”.