Gonzalo Caballero: «Quero presidir Galicia para facer fronte aos retos da transformación dixital e a transición ecolóxica»

O candidato socialista desprazouse a Vigo para realizar un paseo co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o alcalde da cidade, Abel Caballero

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu hoxe o apoio ao proxecto de goberno socialista “para facerlle fronte aos retos da transformación dixital e a transición ecolóxica”.

O candidato desprazouse a Vigo para realizar un paseo co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o alcalde da cidade, Abel Caballero. Apostou por “unha nova política económica que teña no mantemento e incremento do emprego a principal bandeira, defendendo sempre unha Galicia verde e dixital”. Subliñou que o PSdeG é “o único proxecto de país para Galicia con solvencia en materia económica e a capacidade de facer unha remontada logo de 11 anos de inactividade pola inexistente política económica de Feijóo”.

Neste sentido, lembrou que o PSdeG ten demostrado que “sabemos gobernar” e comprometeuse a poñer “toda a capacidade e coñecemento a disposición de Galicia” nun ámbito “moi próximo e coñecido” pola súa traxectoria académica e profesional. Anunciou que poñerá “á fronte das consellerías de Economía e Facenda aos mellores economistas”, ao tempo que subliñou que ten ao equipo da consellería de Sanidade, con expertos en saúde pública e xestión, “listo para gobernar”.