Gonzalo Caballero promete en Vigo que dotará aos estudantes galegos de ordenador con conexión a internet

O candidato socialista encabezou a presentación da lista por Pontevedra.

O candidato socialista destaca que os 2.000 millóns de euros extra que o goberno de España destina á educación nas autonomías permitirán un plan de fortalecemento e adaptación do ensino público galego

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitoy hoxe Vigo, onde se comprometeu a dotar a todos os estudantes galegos de ordenador e conexión a internet “para resistir a nova etapa na que a dixitalización é fundamental”. O líder dos socialistas galegos empregará os fondos que correspondan a Galicia da partida de 2.000 millóns de euros que o goberno de España vai repartir entre as comunidades para a mellora da educación, incluíndo a posta en marcha dun Plan de Dixitalización do Ensino así como un incremento do persoal docente.

O secretario xeral do PSdeG protagonizou a presentación da candidatura socialista ás próximas autonómicas por Pontevedra, e estivo acompañado polo alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Dende alí respaldou o esforzo por parte do goberno de Pedro Sánchez en materia de educación pública, que será, subliñou, “a bandeira do goberno progresista na Xunta de Galicia”.

Gonzalo Caballero lamentou que “o único presidente autonómico ao que non lle gusta que o goberno de España dispoña fondos para a mellora da educación publica é Feijóo, porque non lle gusta a educación pública”. Fronte a esta actitude, comprometeuse a aproveitar os fondos estatais para “fortalecer o ensino público” e adaptalo ao novo tempo.

O líder dos socialistas galegos subliñou que as partidas procedentes do Goberno de España permitirán tamén contar con “máis docentes, un sistema de bolsas de ensino máis potente, máis capacidade para dotar os comedores escolares” e a dixitalización, ademais dos “libros de texto gratuítos”.

Gonzalo Caballero salientou así que o goberno de España “acaba de aprobar 16.000 millóns de euros para dotar ás comunidades autónomas de posibilidades para facer mellores políticas” e dotarse dun “escudo protector” para a cidadanía. Ademais, dixo, incorporan os sinalados 2.000 millóns para “defender o dereito dos e das estudantes de Galicia a ter unha educación pública de calidade”.

«O cambio posible»

O candidato socialista á Xunta aproveitou a presentación da candidatura de Pontevedra para apostar polo “cambio posible e necesario” na Xunta de Galicia, que “vaise producir pola mobilización crecente do electorado progresista”.

Por iso, Gonzalo Caballero reclamou a “todos os galegos e galegas que se involucren” e “apoien o cambio que necesitamos para o futuro do país” porque “non nos podemos arrepentir catro anos máis de gobernos de Feijóo, e temos que facelo cun compromiso claro coas políticas de progreso”.