Gonzalo Caballero: «Enarbolamos o liderado do cambio para unha Galicia emprendedora»

O candidato socialista considera en Vigo que «o PP tenta derrocar ao goberno de España porque non asume o resultado electoral de 2019”

O candidato do PSdeG á Presidencia do goberno galego, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe en Vigo que os socialistas “enarbolamos o liderado do cambio na Xunta para unha Galicia emprendedora fronte á agonía económica que deixa o PP”.

Así o dixo na intervención nun almorzo no Círculo de Empresarios de Galicia, no que foi presentado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ao que asistiron tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o delegado da Zona Franca, David Regades.

Gonzalo Caballero ofreceu hoxe “unha nova política económica e industrial». Neste sentido, o líder socialista sinalou que a chegada da Covid se caracterizou polo “caos e desastre dunha política industrial inexistente”.

Gonzalo Caballero considerou que foron os empresarios e os traballadores os que construíron co seu esforzo “unha Galicia mellor”.

2.500 millóns

Gonzalo Caballero presentou hoxe unha “folla de ruta para para reconstruír Galicia no económico e no social da man do goberno de España, dos alcaldes e alcaldesas de Galicia e dos presidentes as deputacións provinciais”. Apostou por empregar os 2.500 millóns de euros de fondos públicos do Estado coparticipados cos privados para “mobilizar un mínimo de 3.500 millóns de euros para a reconstrución do país”.

Fronte á, na súa opinión, ausencia da Xunta, dixo, tivo que ser o goberno de España quen tomara medidas de apoio aos sectores económicos como o da automoción garantindo ao tempo a protección social.

Así o fixo cando no seu día, lembrou, impulsou unha solución para o estaleiro Barreras “mentres o presidente da Xunta estaba ausente”.

Caballero ofreceu un proxecto de goberno “para o ben dos galegos e das galegas, un goberno concibido non para gobernar contra ninguén, senón a favor da cidadanía, dos traballadores e traballadoras, da man da Galicia emprendedora que representan os empresarios do noso país e que xogan un papel fundamental”.