Gondomar recupera o seu mercadillo de Nadal

A Praza Paradela acollerá unha nova edición do seu Mercado de Nadal, promovido pola concellería de Comercio e Turismo, o próximo 19 de decembro durante toda a xornada

Gondomar recupera este ano o seu mercadillo de Nadal. A Praza Paradela acollerá unha nova edición do seu Mercado de Nadal,  promovido pola concellería de Comercio e Turismo, o próximo 19 de decembro durante  toda a xornada. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto ata o próximo  14 de decembro. As bases e anexo de solicitude poderán consultarse e descargarse na  páxina do concello www.concellodegondomar.gal  

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, confía en revalidar o éxito rexistrado na  primeira edición do Mercado de Nadal e converter esta cita “nun referente e  característica máis do Nadal en Gondomar, como pode ser a nosa árbore vermella” sen  esquecer o obxectivo máis importante que, lembrou, é “dinamizar o comercio local, a  nosa economía con accións específicas que, ao mesmo tempo, son un atractivo turístico  que aumenta a afluencia de visitantes”. 

O II Mercado de Nadal contará cun número máximo de postos, e cuxa  localización se fará seguindo a orde das solicitudes, tendo preferencia a veciñanza de  Gondoma. Neste mercado teñen cabida todo tipo de productos típicos de nadal, restos  de stock, artesanía, artigos de segunda man, etc… 

Os interesados en facerse co seu oco deberán presentar a súa solicitude no  Rexistro Xeral do concello ata do 14 de decembro, e deberán achegar no momento de  inscribirse un quilo de alimentos de produtos típicos de nadal que se destinarán ao  banco municipal de alimentos.