Gondomar prepárase para celebrar a III “Gladiator kids”

A proba mantén o número de inscricións cubertas no seu momento e as concellerías de Deportes e Xuventude solicitan a quen non poidan participar polo cambio de data que o comuniquen chamando  ao teléfono 986 369 746 ou ben enviando un correo a eventos@noko360.es

O vindeiro sábado 16 de outubro celebrarase finalmente esta divertida carreira  de obstáculos para grande e pequenos, e que o goberno local pospuxo o pasado  mes de agosto como precaución ante o aumento de casos da COVID en toda  España. Agora vén con moitas ganas e probas que farán rir a máis dun e dunha.  

A proba mantén o número de inscricións cubertas no seu momento, preto de  200, e desde as concellerías de Deportes e Xuventude, organizadoras deste evento,  pídese a quen non poidan participar polo cambio de data que o comuniquen chamando  ao teléfono 986 369 746 ou ben enviando un correo a eventos@noko360.es 

 O Parque da Coelleira converterase, por primeira vez, no circuíto que deberán  cubrir os corredores e as corredoras, de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que  deben participar acompañados por un adulto. A Gladiator Kids é unha carreira na que a  competitividade se deixa ao carón para dar paso a momento divertidos e compartir unha  experiencia distinta e de colaboración entre os participantes.  

 A entrega de dorsais realizarase a partir das 15.00 horas e as probas arrincarán  ás 16.00 horas. En primeiro lugar participará o grupo integrado por pequenos e  pequenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. Unha hora máis tarde, ás  17.00 horas, será a quenda dos participantes cuxas idades estean entre os 7 e os 12 anos  

En ambos os circuítos atoparanse con diferentes retos, sempre adaptadas a  idade dos participantes, nas que se poñerá a proba as súas habilidades á hora de facer  fronte a obstáculos que atoparán no percorrido que deberán ir sorteando ata chegar á  meta, un obxectivo que vén marcado sobre todo polo “carácter lúdico e non  competitivo, primando a diversión e o momento que se comparte coa familia”.